O Parlamento Europeo insta as tecnolóxicas a non fabricar produtos dixitais con deseños adictivos
O Parlamento Europeo insta as tecnolóxicas a non fabricar produtos dixitais con deseños adictivos
As denominadas adiccións sen substancia, por exemplo a adicción ao móbil, medraron un 52 %
Segundo as últimas estatísticas, os mozos de entre 16 e 24 anos pasan sete horas de media ao día en redes ou en videoxogos en liña. O Parlamento Europeo pide unha regulación máis esixente que obrigue os fabricantes a deseñar produtos que non xeren dependencia. Consideran que é un problema moi importante de saúde pública.
"A adicción aos videoxogos acada cifras moi preocupantes. En Galicia afecta xa un 7 % dos menores que os usan, declarou Miguel López, da Unión de Consumidores de Galicia.
Os consumidores mellor informados son conscientes do perigo para a saúde que supón a exposición a determinados xogos, redes ou apps. "As empresas crean algoritmos que nos fan xerar dopamina. Activan os circuítos neuronais da gratificación. A xente entra nunha espiral. Entras e despois non dás saído", son algúns dos testemuños que recollemos na rúa.
Algúns usuarios, falan de secuestro da atención, e optan por regularse eles mesmos, non sen dificultade.
"Que as empresas fagan isto pensando en que nós esteamos enganchados é forte, debería estar regulado. Nalgunhas redes hai a posibilidade de limitar o tempo de uso. Eu no verán usaba o móbil seis horas ao día. Agora desinstalei as redes e úsoo hora e media", explican algúns consumidores.
Por iso, atopamos hoxe unha maioría favorable que apela á responsabilidade social e ética das empresas tecnolóxicas. "Estamos nunha sociedade en que cada clic está deseñado polas corporacións que tratan de desviar a atención cara a un sistema de publicidade encuberta que claramente lles xera beneficios", engade Miguel López Unión de Consumidores de Galicia. Din que unha técnica de márketing debe ter sempre o límite de non xerar deliberadamente adicción.