Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Parlamento pídelle ao Congreso que tramite “de inmediato” o traspaso da AP-9

O Parlamento pídelle ao Congreso que tramite “de inmediato” o traspaso da AP-9

Reclama de novo a Transportes que estude a posibilidade de rescatar a autoestrada, xa que sería "máis económico" que o mantemento das bonificacións ata a fin da concesión

A Cámara galega condena a agresión mortal de Sanxenxo: "A loita contra a violencia é un partido que xogamos todos"

Imaxe de arquivo da peaxe de Pontevedra na AP-9 Imaxe de arquivo da peaxe de Pontevedra na AP-9
G24.gal 26/02/2025 12:56

O Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei para pedirlle ao Congreso dos Deputados, e en particular á Mesa, que desbloquee a tramitación da lei orgánica da transferencia da AP-9 para que esta se tramite “de inmediato”.

A Cámara galega reprocha os continuos atrasos que esta norma padeceu no Congreso, xa que os aprazamentos superan a vintena nesta lexislatura, mais outros 15 en anteriores períodos.

Por iso, reclaman que se tramite “de forma inmediata” e que se poña fin ao prazo para a presentación de emendas de forma que se avance cara ao debate de aprobación definitiva.

Así mesmo, reclámase novamente ao Ministerio de Transportes que estude a posibilidade de rescatar a AP-9, xa que sería máis económico que o mantemento das bonificacións ata a fin da concesión.

A Xunta xa solicitou ao ministro de Transportes, Óscar Puente, que estude este escenario ante o aumento de custo que se debe afrontar para financiar as bonificacións na autoestrada, que este ano está cifrado en 81,6 millóns.

"Dilacións, humillacións e cinismo", os cualificativos máis empregados no debate

No pleno, o deputado do PPdeG Roberto Rodríguez puxo o foco nas continuas dilacións a esta tramitación co que os partidos no Goberno, advertiu, “non están a humillar a Xunta, humillan o pobo galego”.

Ademais, o popular reiterou que mentres estes prazos se dilatan, a AP-9 é a “autoestrada que máis subiu o seu prezo en España” polo que non entenden a “papeleta” das formacións que en Galicia defenden a actuación do Goberno nesta materia.

Con todo, o parlamentario do PSdeG Carlos López Font lamentou a “hipocrisía” do PPdeG, que pide bonificacións para a AP-9 que logo a Xunta non aplica nas infraestruturas de titularidade autonómica.

O socialista remarcou que, en cambio, o Goberno de Sánchez “vai cumprindo os seus compromisos”, xa que actualmente os descontos na AP-9 chegan ao 75 %, o que supón un “custo económico sobresaliente” que asumiu o Estado.

López Font reiterou que na súa formación queren “todo” para a AP-9, tanto o rescate como a transferencia, aínda que sempre priorizando “a gratuidade” e que os galegos “deixen de pagar” polo uso desta infraestrutura.

Pola súa banda, o parlamentario do BNG Paulo Ríos criticou o “cinismo máis absoluto” que representaron os deputados do PP e do PSOE, xa que son eles os responsables de boicotear o traspaso en función de que partido estea no Goberno.

Fronte a iso, a posición do BNG foi inamovible para pedir unha “AP-9 libre xa”, xa que os nacionalistas “somos soldados de Galicia goberne quen goberne, e iso é o que vostedes non entenden”. 

Declaración institucional para condenar a morte de Andrés:  "Non se pode repetir baixo ningún concepto"

O Parlamento de Galicia sumouse este mércores ás mostras de repulsa da sociedade galega pola morte de Andrés Rico, o home que faleceu hai uns días como consecuencia da agresión sufrida en decembro mentres asistía como público a un partido de balonmán formativo que arbitraba o seu neto.

"A loita contra a violencia é un partido que xogamos todos", proclama a declaración institucional lida polo presidente do Lexislativo autonómico, Miguel Ángel Santalices, durante a sesión plenaria que se retomou na mañá deste mércores no Pazo do Hórreo.

Tras manifestar as súas condolencias para familia e achegados de Andrés Rico, o texto expresa a súa repulsa por uns feitos, ocorridos o 15 de decembro nun pavillón de Vilalonga, que mostran "o lado máis escuro" do deporte e "que non se debe, que non se pode, repetir baixo ningún concepto".

A declaración é unha chamada para "actuar de forma firme e unida ante a violencia" e a converter o deporte nun "espazo de comuñón e amizade, non de separación e de odio", porque vai "moito máis alá" dunha actividade física ao constituír "un mecanismo de evasión, unha fonte de saúde, unha terapia psicolóxica e, para moitas persoas, un medio de vida".

O Parlamento tamén fixo seu o manifesto promovido polas 59 federacións deportivas galegas e que será lido en pavillóns, campos e estadios de Galicia durante esta fin de semana para apelar a erradicar a violencia dos deportes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade