España roza o récord dos 21 millóns de ocupados polo impulso da Semana Santa
España roza o récord dos 21 millóns de ocupados polo impulso da Semana Santa
A Seguridade Social sumou 193.585 afiliados en marzo ata marcar un récord con 20.901.967 ocupados
O paro baixa en 33.405 persoas en marzo, ata os 2,72 millóns, a menor cifra neste mes dende 2008
O paro baixa en Galicia en máis de 1.500 persoas
A Seguridade Social sumou 193.585 afiliados en marzo ata marcar un récord con 20.901.967 ocupados, rozando os 21 millóns, grazas á tirada da hostalería, pese ao mal tempo rexistrado durante a Semana Santa.
Segundo os datos proporcionados este martes polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, a ocupación superou os 21 millóns en termos desestacionalizados.
En canto ao paro, o número de desempregados rexistrados nas oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal baixou en 33.405 persoas en marzo e deixou o total en 2.727.003 persoas, a cifra máis baixa para este mes desde 2008. Por sectores, o paro caeu fundamentalmente no sector servizos, con 31.294 desempregados menos.
O paro baixa en Galicia un 1,2 %
Galicia gañou 6.577 afiliados á Seguridade Social en marzo, un 0,62 % máis que o mes anterior, e reduciu o paro en 1.572 persoas, un 1,2 % menos, de novo por baixo dos 130.000 desempregados, ata 129.011, coincidindo coas festividades da Semana Santa.
Segundo os datos proporcionados este martes polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, a ocupación en Galicia chega a 1.061.595 cotizantes.
En Galicia, o paro baixou en todas as provincias salvo en Ourense, onde tivo un leve crecemento do 0,16 %, e en todos os sectores, salvo o colectivo sen emprego anterior, que incrementou un 5 % o número de parados.
O sector servizos, principalmente a hostalería, aglutinou a caída do paro do mes de marzo nun 95 %, con 1.510 desempregados menos. O paro tamén caeu na agricultura, 68 persoas; a industria, 56; e a construción, 34.
No último ano o paro caeu en Galicia en 12.836 persoas, un 9,05 %; case o dobre que no conxunto de España, onde se reduciu un 4,73 %. As afiliacións á Seguridade Social seguen á alza, con 6.577 novos cotizantes no mes de marzo ata 1.061.595 persoas rexistradas.