O parque eólico mariño de Iberdrola, con piares galegos, bota a andar en Francia
O parque eólico mariño de Iberdrola, con piares galegos, bota a andar en Francia
As plataformas en que se asentan os aeroxeradores foron construídas e ensambladas en Fene
Ocupa 75 quilómetros cadrados e xa cobre a demanda enerxética de preto dun millón de persoas
Na Bretaña francesa acaba de se inaugurar o primeiro gran proxecto de enerxía eólica de Iberdrola, o parque de Saint-Breuc. As plataformas en que se asentan todos os aeroxeradores foron construídas e ensambladas en Fene.
Dez anos levan colaborando Iberdrola e Navantia neste parque eólico a dezaseis quilómetros da costa francesa. Ocupa 75 quilómetros cadrados e xa cobre a demanda enerxética de preto dun millón de persoas.
Estudos medioambientais
As 62 plataformas sobre as que descansan os aeroxeradores, os jackets, foron fabricadas nas instalacións de Navantia-Windar en Brest, Avilés e Fene. Permiten o fluxo da masa mariña grazas á súa estrutura en retículas. Foron tres anos de estudos mediambientais.
"Neste caso para deixar pasar esa masa de auga e para provocar o menor impacto da biodiversidade da zona usáronse estruturas tipo jacket", asegura Víctor Triviño, director do proxecto de Saint-Brieuc.
"Iso afecta en menor medida a fauna mariña, e ademais leváronse a cabo medidas para a protección da fauna por riba de calquera outro parque eólico mariño da industria", explica David López, Xefe de construción.
A achega de Galicia
Miden 75 metros de alto e pesan ata 1200 toneladas. O desafío estivo na construción, no traslado de Galicia a Francia e no ensamblado xa no parque.
"A achega de Galicia, e de Asturias, porque ao final é un consorcio entre Windar e Navantia foi fundamental. Son os que fabricaron os jackets, que son unha estrutura onde se apoian os muíños, e foron vitais neste proxecto, e para industria off-shore española", conta David López.
"O impacto é o efecto tractor que tivo Saint-Brieuc dentro das economías e industria en España, en concreto en Asturias, en Galicia e no País Vasco ten sido tremendo. Houbo moita cadea de subministración involucrado e moitísimo emprego creado. Os galegos e asturianos poden dicir coa voz ben grande que os pilotes e os jackets son galegos e asturianos e foron entregados a tempo cunha dificultade técnica moi alta", engade Víctor Triviño.
Dende o mar ata a punta máis alta dunha pala hai 209 metros. Baixo o mar, 90 quilómetros de cableame, sobre o mar, unha subestación eléctrica.
Novos proxectos
Polo de agora Iberdrola descarta emprender un proxecto así en augas españolas, pero xa ten plans de investimento no resto do mundo de 25.000 millóns de euros.
"Agora mesmo o problema é a regulación en España. O problema é que non hai un Real Decreto aínda, que pode ser este ano, e froito dese Real Decreto haberá que esperar un mínimo de dez anos que é o que este tipo de parques requiren", matiza David López.
Dende o un de xullo a frota pesqueira bretoa traballa dentro do parque xa que os muíños están en liña coa orientación na que pescan os barcos na zona.
Saint-Brieuc, o primeiro gran proxecto de enerxía eólica na Bretaña, foi inaugurado polo presidente de Iberdrola esta semana.