Preparado o primeiro grupo palestino-español para cruzar o paso de Rafah
Preparado o primeiro grupo palestino-español para cruzar o paso de Rafah
O maior hospital de Gaza está nunha situación crítica polo asedio das tropas israelís
As instalacións están pechadas polos bombardeos e a falta de electricidade
No paso de Rafah, 500 persoas estranxeiras ou con dobre nacionalidade cruzaron este domingo cara a Exipto.
Por primeira vez dende que comezou a guerra, a poboación española residente na Franxa recibiu confirmación do consulado de Xerusalén sobre os plans de evacuación.
O Ministerio de Exteriores ten preparado o operativo para que o primeiro grupo, dunhas 30 ou 40 persoas, poida atravesar a fronteira. Por prudencia, non confirmou que se vaia producir este luns.
Situación crítica
En Gaza, onde non cesan os ataques, a situación sanitaria segue a ser desesperada. As organizacións humanitarias piden un cesamento do fogo inmediato que permita evacuar os hospitais do norte.
O máis grande da Faixa, Al Shifa, está pechado polos bombardeos e a falla de electricidade. Mohammed Obeid, cirurxián de Médicos sen Fronteiras, relataba, nunha mensaxe gravada este sábado, o que se está a vivir dentro.
"Podemos ver o fume arredor do hospital. Os israelís bombardearon todo e atacaron o hospital moitas veces. A situación é moi, moi mala. Estamos case seguros de que agora estamos sós, ninguén nos escoita. Quero que alguén nos dea a garantía de que se poden evacuar pacientes".
Hai polo menos 600 doentes que precisan ser evacuados, 17 na UCI e 40 bebés prematuros. Coas incubadoras paradas tiveron que poñelos en colchóns. Dous deles xa morreron.
As Nacións Unidas contabilizaron 137 ataques contra edificios de atención sanitaria na Faixa desde o inicio da guerra, que provocaron a morte de 521 persoas, 16 traballadoras humanitarias.
Suspensión das negociacións
Hamas anunciou a suspensión de calquera negociación sobre a liberación de reféns por estes ataques. Israel asegura que ofreceu combustible para o hospital Al Shifa e axuda para sacar os bebés, pero que Hamas o rexeita.
Éxodo cara ao sur
Mentres, a poboación civil segue o camiño cara ao sur sabendo que non hai garantía de chegar a un lugar seguro.
"Durante toda a nosa viaxe vimos morte, medo, e a parte máis perigosa foi cando nos afastabamos dos xudeus. Detivéronnos. Levaron algúns dos homes que estaban con nós e vimos a morte cos nosos propios ollos", asegura unha muller desprazada.
A proba de que ningún lugar é seguro está nos continuos bombardeos. O ataque contra unha casa de Khan Younis deixou 13 persoas falecidas. O número de vítimas na sede gazatí do Programa da ONU para o Desenvolvemento aínda sen cuantificar.
O reconto oficial de persoas falecidas sobe a 11.180. Máis de 4.600 son menores.