Así é o protocolo para a correcta recollida de 'pellets' segundo o Plan Camgal
Así é o protocolo para a correcta recollida de 'pellets' segundo o Plan Camgal
Informar os Concellos sobre as tarefas de recollida, alterar o mínimo posible o medio e dar conta da situación posterior aos traballos de limpeza son algunhas das recomendacións do Plan Camgal
O protocolo anunciado pola Xunta de Galicia para a limpeza de granulado na costa galega, queda recollido dentro da estratexia do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia, ou Plan Camgal. Neste, establécense as recomendacións a seguir por parte de todas aquelas entidades voluntarias que participan na limpeza das costas galegas.
No plan de actuación establecido para afrontar a chegada de granulado ás costas galegas, a Xunta anima á acción voluntaria, aínda que non recomenda participar nas recollidas sen unha formación previa necesaria.
Nun primeiro momento, as entidades de acción voluntaria deberán contactar cos concellos con tramos de costa afectada, para poder obter información sobre as zonas que se poden limpar e como proceder, así como tamén onde se debe depositar o material recollido.
Para evitar a masificación nas actividades de recollida, as entidades voluntarias deberán planificar a actividade consultando o visor do Plan Camgal na propia web. No caso de levar a cabo as tarefas de recollida nunha zona protexida, deberase solicitar autorización ao servizo de Patrimonio Natural de cada provincia.
Algunhas das recomendacións que se transmiten dende o Plan Camgal a todos os voluntarios son empregar luvas de nitrilo, para evitar posibles cortes ou lesións con outros materiais, aínda que advirten de que non se tratan de residuos tóxicos ao contacto. Tamén recomendan levar roupa e calzado axeitados para as condicións meteorolóxicas da zona.
Desaconsellan tamén empregar calquera medio de traballo mecánico xa que pode afectar á biodiversidade da zona. Todo o material que se recolla deberá depositarse en bolsas de plástico como as empregadas na recollida de lixo.
Ao longo das recollidas, dende o Plan Camgal recomendan non acudir con animais e introducirse nas praias e zonas costeiras polos accesos, coa fin de danar o mínimo posible a biodiversidade da zona. Piden, tamén, que se respecten as áreas de especial valor mediambiental, como dunas, marismas e lagoas costeiras, e que se eviten a ocupación e o tránsito de vehículos e de persoas polas zonas dunares.
Pasos a seguir nas tarefas de limpeza
🔵 'PELLETS'
— G24 (@G24Noticias) January 12, 2024
Aquí che van algúns consellos por se queres ir de voluntario á retirada de 'pellets' das praias! pic.twitter.com/uSmFSP2v7B
O plan de actuación para todas as entidades voluntarias consta dun total de once puntos onde se recomenda:
1. Retirar os sacos de granulado que se atopen na costa. Metelos dentro de sacos plásticos para evitar que solten granulados plásticos por se teñen algunha rotura.
2. Non realizar limpezas nas zonas rochosas para evitar accidentes.
3. No resto do areal, onde os granulados están dispersos (menos de 150 pellets por m2), non recollelos con pas nin con outros instrumentos que alteren o substrato, xa que o dano ao ecosistema pode superar o beneficio da retiradas das partículas plásticas.
4. Non pisar nin escarvar nas superficies con granulado depositados para evitar o seu enterramento.
5. Non extraer da praia elementos naturais como: algas, cunchas, area, etc.
6. Non mesturar nas bolsas de lixo granulados de material plástico con outros plásticos presentes na praia para facilitar o posterior traballo de xestión dos residuos recollidos.
7. Unha vez rematada a actuación, pechar as bolsas cun nó para evitar que os granulados se derramen durante o transporte.
8. Non depositar os granulados recollidos nos contedores de lixo municipais. Utilizar os contedores habilitados polo Concello o depositar as bolsas nos lugares de acopio designados polo Concello.
9. Se se recollen outros materias no areal, procurar a separación por tipo de material e depositalos nos contedores de recollida selectiva municipal.
10. Asegurarse de non deixar ningún material de traballo cando remate a actuación.
11. No caso de atoparse un animal enfermo ou ferido durante os labores de retirada e limpeza dos granulados, deberá darse aviso ao 112.
Unha vez finalizadas as tarefas de recollidas de granulado de plástico, débese reportar este traballo aos concellos correspondentes. As entidades voluntarias que organizan as tarefas de limpeza deberán indicar o lugar de actuación, así como a hora de inicio e de finalización dos traballos, e a cantidade aproximada da recollida.
Tamén deberán informar, tras a visita á zona afectada, se non hai presenza de granulados plásticos ou se queda material por retirar, para que os concellos teñan información sobre o estado en que se atopan as súas zonas costeiras.