O PNV intentará formar goberno co PSE, que reclama máis peso na coalición
O PNV intentará formar goberno co PSE, que reclama máis peso na coalición
PNV e PSE-EE queren arrancar as negociacións o antes posible
Imanol Pradales vese xa como novo lehendakari, tomando a remuda dun compañeiro de filas, de Iñigo Urkullu, que deixará o cargo "con moita paz interior", tal e como lle dixo aos xornalistas nesta xornada postelectoral.
O seu partido, o PNV, gañou as eleccións, aínda que perdeu 4 escanos e empatou en 27 con Bildu. Queren poñerse xa a negociar co PSE-EE un novo goberno de coalición. Itxaso Atutxa, presidenta do PNV de Biscaia, asegurou que "é un socio preferente, nunca negamos esa querenza nin tampouco eles".
De feito, o candidato socialista xa chamou a Imanol Pradales na noite electoral. Desta volta, reclama máis peso na coalición. Segundo Eneko Andueza, "o PNV sufriu un evidente desgaste", mentres que o PSE subiu dous escanos. "Polo tanto, o noso papel, a nosa posición de fortaleza, é moito maior", dixo o líder dos socialistas vascos.
Descarta, ademais, pactar con EH Bildu, que logrou os mellores resultados da súa historia, con seis deputados máis. Os abertzales cren que "o cambio está en marcha" pero admiten, aínda así, que non será nesta lexislatura porque os socialistas, que teñen a chave, non queren pactar con eles. Segundo o seu candidato, Pello Otxandiano, "non merece a pena tratar de modificar a súa posición porque non se vai modificar".
Dende o PP, porén, culpan o PSOE do ascenso do independentismo. "Evidénciase, unha vez máis, que Pedro Sánchez é unha máquina de votos para os independentistas", dixo, en conferencia de prensa Borja Sémper.
Ao tempo, celebran os seus resultados. O PP medrou en votos e gañou un escano máis, 7 en total. O voceiro do partido apuntou que "dende que Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia do partido, o PP non deixou de subir en ningunha das eleccións que se produciron, en ningunha".
Tamén Sumar celebra os seus resultados. Estréanse no Parlamento vasco cun único deputado. Quen queda fóra é Podemos, que cualifica os resultados de "malos".
Vox mantén o escano que xa tiña na anterior lexislatura.