Sete mortos no paso do furacán Beryl polo Caribe
Sete mortos no paso do furacán Beryl polo Caribe
O balance provisional é de tres falecidos en Granada e Venezuela, onde tamén hai catro desaparecidos, un morto en San Vicente e outro nas Granadinas
A vicepresidenta venezolana e dous ministros resultaron feridos pola caída dunha árbore
Avanza cara ao oeste e pon en alerta ás Illas Caimán, Xamaica, República Dominicana e Haití
O furacán Beryl mantén esta semana en alerta a Xamaica, Haití e República Dominicana tras deixar polo menos seis mortos e destrución no Caribe Oriental, e preocupa á comunidade científica pola rapidez na súa formación e para alcanzar a maior potencia que pode ter un ciclón, a categoría 5.
Beryl xa causou polo menos sete mortes: tres en Venezuela e Granada, unha en San Vicente e outra nas Granadinas. As autoridades informan de que poden ser máis as vítimas mortais nestas illas e noutras como Cariobacú, onde tocou terra o luns como categoría 4.
O primeiro ciclón da tempada de furacáns do Atlántico tamén deixou destrución significativa en edificios, estradas e embarcacións en varios países da Comunidade do Caribe (Caricom), que suspendeu a súa reunión anual.
A axencia meteorolóxica da ONU subliñou este martes que desde que se ten rexistro, nunca se formou a estas alturas do ano un furacán de máxima intensidade no Atlántico.
O NHC espera que a mediados de semana o Beryl perda gradualmente intensidade, aínda que manterá ventos tempestuosos, os cales xa causaron desfeitas, principalmente en Granada e a súa illa irmá de Cariobacú, así como en Barbados e San Vicente e as Granadinas.
Tres mortos e catro desaparecidos en Venezuela
Os falecidos nunha rexión do nordés de Venezuela como consecuencia do desbordamento dun río polo paso do furacán Beryl subiron a tres, o que causou tamén a perda total de 400 vivendas, informou este martes o mandatario Nicolás Maduro, quen ordenou "apoio integral e completo" ás familias.
Segundo o balance oficial da situación nunha localidade do estado Sucre, transmitido pola canle estatal VTV, hai catro desaparecidos -dous homes e dúas mulleres-, polo que levan a cabo labores de procura.
Compútanse tamén 8.000 vivendas afectadas e unhas 80 familias en "refuxio temporal", ás que se lles garante "auga, alimentos, medicina, atención médica e todo o que faga falta", á vez que se habilitaron dous centros de provisión, indicou Maduro.
O mandatario dixo que, tras coñecer os feitos en Sucre, enviou "inmediatamente" á vicepresidenta executiva, Delcy Rodríguez, quen sufriu "varios golpes importantes" pola caída dunha árbore, aínda que asegurou que a funcionaria "está consciente" e "vaise a recuperar".
Así mesmo, sinalou que os ministros de Relacións Interiores e de Atención das Augas, Remigio Ceballos e Rodolfo Marco Torres, respectivamente, tamén resultaron feridos pola caída da árbore, así como o alcalde do municipio Montes, Tomás Bello, e o comandante da Rexión Estratéxica de Defensa Integral na rexión oriental, Juan Sulbarán, quen sufriu unha "fractura forte nunha man".
O avance cara ao oeste
O ciclón atópase a 280 quilómetros ao sueste da illa Beata (República Dominicana) e a 780 quilómetros ao este sueste de Xamaica e móvese rapidamente cara ao noroeste a 35 quilómetros por hora.
As alertas de furacán inclúen Xamaica, illa pola que pasará preto o mércores, e ao día seguinte afectará as illas Caimán. Ademais, hai alerta tanto de furacán como de tormenta tropical para a costa de Haití desde os límites con República Dominicana ata a localidade haitiana de Anse d'Hainault.
Tamén hai alertas de tormenta tropical para a costa sur de República Dominicana, desde Punta Palenque ata o oeste, na fronteira con Haití.
Avanza debilitado
O director do Centro Nacional de furacáns de Miami, Michael Brennan, explicou que Beryl perdeu un pouco de forza nas últimas horas e baixou á categoría 4.
Ainda así, o seu poder destrutor é alto. De manter o rumbo previsto, o furacán chegará a México mañá á noite xa como furacán de categoría 1 ou 2.