O PP acusa a Sánchez de "dar instrucións" a Armengol para manter pechado o Congreso
O PP acusa a Sánchez de "dar instrucións" a Armengol para manter pechado o Congreso
A voceira do PP lembra que a cámara baixa no se pecha "nin en guerra"
O ministro Garzón di que as conversas para a investidura de Pedro Sánchez van "ben"
O Partido Popular denuncia a "inxustificable parálise" do Congreso dos Deputados, despois de varias semanas sen actividade e sen sesións de control ao Goberno. E acusa ao presidente Pedro Sánchez de "dar instrucións" á presidenta da Cámara Baixa, Francina Armengol para que o manteña pechado "a cal e canto". Pouco despois desta denuncia, Armengol anunciou que convocou a Mesa para o vindeiro mércores.
A secretaria xeral do PP e voceira no Congreso, Cuca Gamarra, comparecía rodeada de todos os deputados do grupo e instaba á presidenta Armengol a que comece a tramitar as iniciativas paralizadas e ao Goberno en funcións a que se someta ao control do poder lexislativo. Lembra Gamarra que "o Congreso non se pecha nin en guerra".
A denuncia chegaba nun momento de moita incerteza sobre o avance, ou non, das negociacións do PSOE con Sumar e cos grupos independentistas, para a investidura de Pedro Sánchez. Negociacións complexas pero que, segundo o ministro Garzón, van "ben".
As conversas son a varias bandas. Dun lado, ERC e Junts per Cataluña. Doutro Sumar. A líder deste espazo, Yolanda Díaz, mantén a tensión. Recoñece que "a día de hoxe non hai acordo" cos socialistas e marca algunhas das discrepancias. Mete presión para que o acordo de goberno recolla o compromiso de reducir a xornada laboral a 7 horas e ao mantemento do imposto especial ás eléctricas e á banca. Con esta última medida, o PSOE non está "de acordo", segundo Díaz.
E que pasa con Podemos? Os morados queren manter perfil propio e piden ter voz propia nas conversas. Aínda non teñen resposta do PSOE ao documento que lle enviaron con 5 propostas, entre elas manter a Irene Montero no ministerio de Igualdade. Podemos lémbralle a Pedro Sánchez que eles e Sumar non "son o mesmo".
Polo de agora, non hai data para a investidura. Só hai unha data máxima, o 27 de novembro. É o último día antes de que queden automaticamente convocadas unhas novas eleccións. Unha segunda cita coas urnas que "sería a mellor opción", para o PP. Núñez Feijóo lamenta que o goberno de España "non se decida en España, senón en Bruxelas" e por unha persoa "fuxida da xustiza".
Os socialistas confían no acordo e sosteñen que, cando estea selado, haberá "luz e taquígrafos". E comprometen que "estará dentro da Constitución", segundo dixo hoxe o presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón.