Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP acusa a Sánchez de coñecer a suposta corrupción de Ábalos

O PP acusa a Sánchez de coñecer a suposta corrupción de Ábalos

A comparecencia do presidente no Senado segue pendente de data, que o PP fixará cando máis conveña á formación grazas á maioría absoluta da que goza

O PSOE lembra que o exministro Ábalos non forma parte do partido nin é militante

G24.gal 24/06/2024 15:49 Última actualización 24/06/2024 16:15

O PP acusou o presidente do Gobierno, Pedro Sánchez, de coñecer e tapar a presunta corrupción que salpica ao exministro de Transportes José Luis Ábalos, tras publicar o xornal El Mundo que o exdirixente socialista alugou un chalé a unha empresa conectada co suposto comisionista do caso Koldo.

El Mundo publicou que Ábalos alugou en xullo de 2021, dúas semanas antes de ser cesado como ministro, un chalé á compañía Have Got Time, conectada con Víctor de Aldama, e abonou pola vivenda o primeiro mes e a entrada, para ser expulsado por falta de pagamento seis meses máis tarde.

"Xa ninguén pode crer que Sánchez non coñecía toda a corrupción que rodea ao seu Goberno. Sabíao e tapouno", sinalou na rede social X a voceira do PP no Congreso, Miguel Tellado.

Fontes do PP lembraron ademais que Víctor de Aldama estivo con Ábalos cando o exministro recibiu no aeroporto de Baraxas a vicepresidenta de Venezuela, Delcy Rodríguez.

"Dixémolo hai unhas semanas, cando chegue o momento e coñezamos a información do envorcado dos 23 teléfonos que Koldo tiña no seu domicilio, preguntaremos e insistiremos a Sánchez (...) cando teña que declarar na comisión de investigación no Senado, onde non poderá desviar a atención e calar", destacou Borja Sémper, voceiro do PP.

A comparecencia do xefe do Executivo no Senado segue pendente de data, que o PP fixará cando máis conveña á formación grazas á maioría absoluta da que goza na Cámara Alta.

O xuíz do caso Koldo rexeita cedelo á Fiscalia Europea

O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno rexeitou ceder a investigación do caso Koldo sobre a adxudicación de contratos públicos de máscaras en plena pandemia á Fiscalía Europea e elevouno ao Tribunal Supremo para que decida cal dos dous é competente para seguir as pescudas.

Ismael Moreno considera que os feitos constitúen presuntos delitos de suborno, tráfico de influencias, organización criminal e branqueo de capitais, aos que se engadiu posteriormente o delito contra a facenda pública.

Estes delitos, segundo o maxistrado, non prexudican os intereses financeiros da UE e non se atopaban indisociablemente vinculados cos delitos competencia da Fiscalía Europea. Ademais, de acordo co criterio da Fiscalía Anticorrupción, están máis afectados os intereses nacionais que os da UE.

O PSOE lembra que o exministro Ábalos non forma parte do partido

A voceira da Executiva Federal socialista, Esther Peña, lembrou que Ábalos non ten ningún cargo orgánico nin institucional no PSOE e nin sequera é militante. Engadiu ademais que o partido adoptou medidas de forma inmediata polo que entenderon que era unha responsabilidade política.

Peña aproveitou para contrastar a rápida actuación do PSOE con Ábalos coa que dixo que practica habitualmente o PP, ao que pediu estar "á altura da exemplaridade" dos socialistas cando ten "máis de vinte sumarios por corrupción pendentes de xuízo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade