O PP rexeita que os citados á comisión que investiga os contratos da Xunta se elixan por maioría cualificada
O PP rexeita que os citados á comisión que investiga os contratos da Xunta se elixan por maioría cualificada
O PP rexeita que os citados á comisión que investiga os contratos da Xunta se elixan por maioría cualificada
Os populares din que o uso de maiorías cualificadas non ten antecedentes nas comisións de investigación
Tamén rexeita o formato 'pregunta-resposta' nas comparecencias
O Partido Popular impuxo o seu criterio e rexeitou as propostas dos grupos da oposición (BNG e PSdeG) para que o plan de traballo e, por tanto, os nomes dos comparecentes na comisión que investigará na Cámara galega os contratos da Xunta se elixan por maioría cualificada, é dicir, por dous terzos; co que pretendían evitar os "vetos" do grupo maioritario.
Desta forma, o plan de traballo, para o que poden presentarse propostas ata a tarde do 28 de outubro, será elixido por maioría simple, co que bastará con que o apoie o Partido Popular. O grupo xustificou o seu rexeitamento á proposta da oposición en que o uso de maiorías cualificadas non ten antecedentes nas comisións de investigación realizadas no Parlamento de Galicia ata a data.
Así foi votado na reunión celebrada na tarde deste martes, da que saíron as normas de funcionamento da comisión que investigará os contratos da Xunta durante a pandemia, a súa relación coa empresa Eulen e a construción do hospital Álvaro Cunqueiro, creada por impulso do BNG.
Ademais de permanecer o sistema de maioría simple para a votación do plan de traballo, tamén foron rexeitadas polos votos do PP as emendas da oposición ao plan de traballo que expuña o modelo pregunta-resposta para as comparecencias da comisión.