O PPdeG ve a Feijóo "máis preto" da Moncloa e o BNG, unha "oportunidade" para ter grupo propio
O PPdeG ve a Feijóo "máis preto" da Moncloa e o BNG, unha "oportunidade" para ter grupo propio
O PSdeG cre que o adianto electora amosa "valentía democrática"
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, cre que todo é "moi precipitado", pero que a súa formación está en boa posición para facerse coa vitoria
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, cre que a maquinaria electoral da formación nacionalista "xa está engraxada" para poder lograr o seu obxectivo
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou que o líder do seu partido e expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "está máis preto da Moncloa que nunca" co adianto electoral anunciado polo presidente Pedro Sánchez.
En declaracións en Santiago de Compostela, dixo que todo é "moi precipitado", pero considerou que os resultados da súa formación nas eleccións deste domingo e a convocatoria das xerais para o 23 de xullo achegan a Núñez Feijóo á presidencia do Goberno.
Pola súa parte, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, dixo que ve nos comicios “unha oportunidade” para que os nacionalistas galegos consigan grupo propio no Congreso.
Nesta lexislatura, o BNG unicamente conta cun deputado na Cámara Baixa -Néstor Rego- e os nacionalistas marcan como obxectivo conformar “un grupo galego forte en Madrid e que a voz dos galegos soe alta, clara e forte”.
A formación prevé celebrar este mesmo sábado un consello nacional no que comezarán a preparación para “enfrontar o reto das eleccións xerais” aínda que “a maquinaria xa está engraxada”.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, considera que o adianto das eleccións xerais ao próximo 23 de xullo demostra “fortaleza e valentía democrática” por parte de Pedro Sánchez.
Nunha mensaxe remitida aos medios, Formoso tachou de “valente e acertada” a decisión de “facilitar que a cidadanía se exprese en xullo no ámbito dunhas eleccións estatais” tras os comicios municipais de onte nos que os socialistas sufriron un retroceso en apoio electoral.
O líder dos socialistas en Galicia avanzou que para as próximas eleccións xerais o PSOE "vai facer moita pedagoxía e vai recuperar o vigor e a forza" que lles dá ser "a columna vertebral da política desde hai moitos anos".