O presidente da Audiencia de Ourense apoia a convocatoria de folga dos xuíces e fiscais
O presidente da Audiencia de Ourense apoia a convocatoria de folga dos xuíces e fiscais
"Subíuselles os soldos aos funcionarios da Xustiza en Galicia, subíuselles aos letrados. Cando é o noso momento?", cuestiona Antonio Piña, que considera xustificada a convocatoria de folga de xuíces e fiscais para o 16 de maio
O presidente da Audiencia Provincial de Ourense, Antonio Piña, apoia que xuíces e fiscais vaian á folga se non se chega a un acordo sobre melloras salariais e condicións de traballo cos ministerios de Xustiza e Facenda na Mesa de Retribucións convocada para este mércores, 3 de maio.
Antonio Piña, que é tamén membro e exsecretario da Asociación Profesional da Maxistratura, lembrou que os xuíces perderon un 10 % do seu soldo despois da crise de 2008 e que esta cantidade nunha foi recuperada.
Piña considera que é o momento de que se actualice o salario dos xuíces e que se compense a exclusividade que se lles esixe.
"Sempre puxemos enriba da mesa sobre todo o bo servizo da Administración de Xustiza e fomos renunciando ás convocatorias desta mesa de retribucións por motivos económicos, de situación do país, da crise... Pero chegou un momento en que consideramos que se o Ministerio se reúne con outros corpos da administración de Xustiza e atende as súas reivindicacións, tamén era o momento de convocar a mesa. Chegamos a esixir esta convocatoria por vía xudicial", asegura Piña.
"Non partirmos duns presupostos de pedir unha cantidade. Coa rebaixa que no seu momento fixo o Goberno de Zapatero, perdemos un 10 % de retribución e esa cantidade non se recuperou xamais", aclara.
O presidente da Audiencia Provincial de Ourense explica que "o que pretendemos tamén é que se nos compense a exclusividade absoluta que se nos esixe. Non é a esixencia dun diñeiro, é unha esixencia de reformular a lei que regula as nosas retribucións e solicitar que se incremente, pero dentro do proporcional".
"Non somos un corpo que lle guste a folga nin que lle guste toda esta lea", explica Antonio Piña.
Esta folga chega nun contexto no que outros sectores da Xustiza xa se mobilizaron ou estano facendo para reclamar melloras, e cre Antonio Piña que xuíces e fiscais ven como eses colectivos con menos responsabilidade practicamente se lles equipara aos seus.
"O problema que se suscitou cos letrados da Administración de Xustiza é que esixían cobrar unha cantidade moi próxima á que cobran os xuíces e as responsabilidades son moi distintas. O que cremos é que non se está retribuíndo axeitadamente a carga de traballo que temos na maioría dos xulgados", asegura.
"O que non pode ser é que nalgúns órganos xudiciais, a diferenza entre un letrado e un xuíz sexa moi pequena, porque a diferenza de funcións non o é".
"Actuemos sobre a lei, que hai 20 anos que non se actualiza. O que non se pode facer é o que se vén facendo desde hai moitos anos: toarnos o pelo. Estamos nun momento en que si hai diñeiro para outros corpos procesais. Subíuselles os soldos aos funcionarios da Xustiza en Galicia, subíuselles aos letrados. Cando é o noso momento?", cuestiona o presidente da Audiencia de Ourense.