Publicador de contidos
Publicador de contidos

O presidente da CEP insta a facer unha reforma das pensións "sostible e viable"

O presidente da CEP insta a facer unha reforma das pensións "sostible e viable"

Jorge Cebreiros concorda co informe da Comisión Europea que alerta de que a reforma vixente elevará en 5 puntos o gasto para 2070

O presidente da patronal pontevedresa pide "certo control sobre empresas estratéxicas" para evitar a especulación 

G24.gal 20/04/2024 11:15 Última actualización 20/04/2024 12:30

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra -CEP-, Jorge Cebreiros, insta a clase política española a acometer unha "reforma do sistema de pensións" que sexa "sostible" e "viable".

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Cebreiros pronunciábase deste xeito á hora de avaliar o informe da Comisión Europea no que se considera preciso un axuste de 12.000 millóns de euros para manter o sistema en España ao se prever un maior aumento do gasto en pensións polo impacto das reformas. 

"Eu creo que esa é unha das tarefas na que os principais partidos políticos e os gobernantes terían que centrarse. Na reforma do sistema de pensións... Que sexa sostible, que sexa viable. Estamos de acordo co informe per desgraciadamente os gobernantes, os gobernos, cando teñen que reformar ese sistema de pensións o primeiro do que tiran é do incremento das cotizacións á Seguridade Social para poder cubrir ese déficit e iso vai impactar, sen dúbida nos cidadáns, pero tamén, como temos visto nas últimas reformas, nas empresas."

Cebreiros tamén falou da intención do Goberno, en concreto da vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, de subir o Salario Mínimo Interprofesional -o SMI-. O presidente da patronal pontevedresa di que "que nos convoquen en setembro non é malo" pero que se a ministra xa di que "vai subir si ou si", na opinión de Cebreiros, "rompe esa mensaxe de diálogo". 

Naturgy e Stellantis Vigo

Ao preguntarlle pola OPA (Oferta Pública de Adquisición) que Taqa, empresa enerxética de Abu Dhabi, quere lanzar sobre a española Naturgy, Cebreiros dixo apostar por que haxa "certo control" nas empresas consideradas estratéxicas para evitar operacións especulativas. 

"Tiñamos que ter un certo control, non sei se maioritario ou non, pero si certo control sobre empresas estratéxicas. Cando menos analizar moi ben cales son os fondos de investimento que veñen, cales son os obxectivos, o seu compromiso co territorio, a súa permanencia, o seu compromiso cos traballadores  cos clientes, antes de deixar desembarcar calquera tipo de empresa, calquera tipo de fondo que poida ser meramente especulativo". 

Cebreiros, na conversa, tamén abordou a situación de Stellantis Vigo e da súa esperanza de  que a curto prazo, a final de mes, poida ter boas noticias do PERTE do Vehículo Eléctrico e Conectado. Para o presidente da patronal de Pontevedra é tan importante que "veñan boas noticias" como que veñan "en tempo e forma".

Segundo explicou, "hai empresas que están esperando, non só no sector do automóbil, tamén no naval no agroalimentario, ese PERTE pero hai un momento que se eses fondos chegan tarde se perde a oportunidade do investimento, a empresa non pode afrontar os prazos que lle marca o proxecto ou no peor dos casos, a empresa non existe ou foi para outro territorio". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade