Publicador de contidos
Publicador de contidos

O presidente de Alxeria acusa a Sánchez de "rachar con todo" pero garante o gas a España

O presidente de Alxeria acusa a Sánchez de "rachar con todo" pero garante o gas a España

Alxeria di que cumprirá coa subministración de gas con España "calquera que sexan as circunstancias"

Tebboune respecto ao cambio de postura do Goberno sobre o Sáhara Occidental: "O que fixo España é inaceptable, eticamente e historicamente"

G24.gal 24/04/2022 12:09

O presidente de Alxeria, Abdelmayid Tebboune, lanza unha dura crítica ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. Acúsao de incumprir a legalidade internacional tras aceptar o plan de autonomía marroquí sobre o Sáhara Occidental pero matiza que as relacións co Estado español son "fortes e firmes". 

Tebboune asegura que Alxeria cumprirá cos seus compromisos de gas e os contratos "calquera que sexan as circunstancias".

Insiste en diferenciar entre o executivo e o Estado tras remarcar que Sánchez "non recibiu o apoio de todos, nin do Congreso, que aprobou unha resolución que desautoriza a nova posición do Goberno, nin nas rúas".

O xefe do Estado alxeriano amósase decepcionado, aínda que asegura que non periga o abastecemento de gas que Alxeria proporciona a España, máis da metade do que consome.

Asegura que a decisión adoptada por Sánchez deteriorou as relacións entre os dous gobernos. "Nós temos relacións cordiais con España e houbo un achegamento, como con Italia". Afirma que o presidente español  "rompeu todo" co seu xiro no Sáhara Occidental de xeito "eticamente e historicamente inadmisible".

Nega que as súas declaracións supoñan unha inxerencia nas decisións do Goberno español.

Normalizar relacións e compromiso co gas

No que atinxe á deterioración das relacións diplomáticas, o presidente alxeriano ofrécelle a Sánchez a oportunidade de restaurar vínculos no momento en que volva asumir o seu papel de administrador sobre o Sáhara Occidental.

O embaixador de Alxeria en Madrid chamado a consultas en marzo aínda non regresou a España á espera de que, como pide o executivo daquel país, España proporcione "aclaracións previas e francas para reconstruír unha confianza gravemente danada".

Así e todo, con ánimo de achegar posturas, Tebboune insiste na mensaxe de que o seu país cumprirá absolutamente todos os acordos no que se refire ao fornecemento de gas a España, despois de que a empresa enerxética alxeriana Sonarach avisara da posiblidade de "recalcular" os prezos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade