O presidente do Consello Superior de Deportes a Rubiales: "Debiches marchar o venres"
O presidente do Consello Superior de Deportes a Rubiales: "Debiches marchar o venres"
O organismo está á espera do que decidan o TAD e a Federación de Fútbol
Víctor Francos, presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), admitiu este luns a súa preocupación pola imaxe ofrecida polo deporte español tras o acontecido co caso Luis Rubiales e recoñeceu, ao ser preguntado por se podería afectar á candidatura de España ao Mundial de 2030, que "estaba mellor situada" antes do ocorrido con Luis Rubiales, quen ata o sábado presidía a Federación Española de Fútbol.
"Estou preocupado. Hai dúas semanas estabamos mellor situados para o Mundial 2030 que hoxe, pero somos un Goberno teimudo e estamos en disposición de explicar á FIFA, a UEFA e ao conxunto de federacións internacionais que o deporte español non é o que vimos estes días e tampouco o fútbol español", dixo nunha rolda de prensa celebrada en Tarragona".
Engadiu sobre a candidatura ao Mundial 2030 que o Goberno español está "en disposición de loitalo con garantías" e informou de que este luns falou co vicepresidente da FIFA para analizar o ocorrido nos últimos días.
"Imos ter contacto permanente a partir de agora con eles para dirixir unha situación que tampouco é cómoda para eles e por tanto pídolle á xente que teña a confianza no Goberno de que un feito particular non pode embazar un éxito colectivo", engadiu en referencia ao triunfo da selección española feminina no Mundial de Australia e Nova Zelandia.
Sobre a comparecencia de Rubiales afirmando que non dimitiría, Víctor Francos dixo que non lle gustou o que pasou alí nin os aplausos que houbo e que Rubiales debeu dimitir xa o venres.
O TAD estuda esta tarde a denuncia do CSD a Rubiales. O Consello Superior de Deportes considera que o xa expresidente da federación vulnerou a Lei do deporte. Recorrer ao Tribunal Administrativo Deportivo é a forma que ten de tentar apartalo do seu cargo; o Goberno considera que o presidente da RFEF cometeu unha falta "moi grave".
A Real Federación Española de Fútbol tamén convocou os presidentes das federacións territoriais este luns nunha xuntanza extraordinaria e urxente para analizar a situación.