Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez anuncia 10.471 millóns máis de gasto en defensa e seguridade para alcanzar este ano o 2 % do PIB

Sánchez anuncia 10.471 millóns máis de gasto en defensa e seguridade para alcanzar este ano o 2 % do PIB

O Consello de Ministros aprobou este martes un plan industrial e tecnolóxico para alcanzar ese obxectivo

O PP ve "autoritario" que Sánchez non leve o plan de defensa ao Congreso, Sumar fala de gasto "exorbitado" e Podemos pide mobilizarse en contra

(EFE/Javier Lizón)
G24.gal 22/04/2025 11:13 Última actualización 22/04/2025 14:47

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este martes un investimento adicional de 10.471 millóns de euros para seguridade e defensa para chegar este ano ao obxectivo de destinar o 2 % do PIB a esa partida, unha meta que o Executivo propuxera alcanzar en 2029. 

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, Sánchez informou de que o Consello de Ministros aprobou un plan industrial e tecnolóxico que remitirá este mércores a Bruxelas para que sexa avaliado pola UE e pola OTAN e asegurou que o obxectivo é garantir a seguridade do país e "consolidar a España como un membro "central e fiable".

Sánchez garantiu que o investimento adicional se logrará "sen tocar nin un céntimo de euro do estado do benestar", sen comprometer o gasto social ou ambiental, sen subir os impostos e sen incrementar o déficit ou o endebedamento.

Segundo explicou, o groso do financiamento vai proceder de tres fontes: a reordenación dalgunhas partidas dos fondos europeos, como a destinada á ciberseguridade; dos aforros xerados pola "xestión rigorosa" que fixo o Goberno e os bos datos económicos e da marxe que dan certas partidas que se incluíron nos orzamentos de 2023 e que xa non se necesitan.

O investimento adicional de 10.471 millóns unirase ao investido ao longo dos últimos anos ata alcanzar unha cifra total de 33.123 millóns de euros en seguridade e defensa, o que supón o 2 % do PIB.

Cre o presidente do Goberno que o plan vai permitir crear 100.000 empregos e incrementar o PIB de España entre un 0,4 e un 0,7 por cento. 

Más militares, máis ciberseguridade e máis armamento

O primeiro piar do plan, que concentrará o 35 % do gasto, uns 3.600 millóns, terá como obxectivo aumentar o número de efectivos das forzas armadas e mellorar as súas condicións laborais e o seu equipamento

Ademais vanse actualizar os equipamentos e mellorar os sistemas de formación dos militares.

O programa inclúe, en segundo lugar, a elaboración, fabricación e adquisición de novas capacidades de telecomunicacións e ciberseguridade. Isto suporá un 31 % do plan, en total 3.260 millóns de euros, co que se busca modernizar os sistemas de telecomunicacións cifradas das Forzas Armadas, adquirir novos satélites, antenas e radares, e reforzar instrumentos de ciberseguridade tanto de uso militar como civil, capacidades de nube en 5 G, en intelixencia artificial e en computación cuántica.

En terceiro termo está a fabricación e compra de novos equipos de defensa e disuasión. A este capítulo destinarase o 19 % do investimento, 1.900 millóns, que inclúe blindados e fragatas máis seguras con tecnoloxía punteira.

En cuarto lugar figura o reforzo das capacidades duais das forzas armadas para axudar tamén en emerxencias e desastres naturais (17 %). Vaise ampliar a frota de helicópteros de rescate, adquirir novos vehículos lanzapontes, avións de extinción de incendios e un novo buque oceanográfico.

Ademais adaptaranse e modernizaranse das infraestruturas do Ministerio de Defensa para responder de forma áxil a situacións de emerxencia que afectan a seguridade nacional.

O quinto piar do plan irá destinado a mellorar as condicións de seguridade dos case 3.000 efectivos que integran as 16 misións de paz que actualmente España realiza no exterior.

Sen necesidade da aprobación nas Cortes

Sánchez anunciou que hoxe mesmo pedirá comparecer no Congreso para presentar o plan ao arco parlamentario, aínda que asegurou que, de acordo coa Constitución, non necesita que a Cámara o aprobe porque non implica un maior esforzo orzamentario.

O xefe do Executivo afirmou que é consciente de que existen "diferenzas" ante este asunto.

"Hainas, pero creo, honestamente, creo firmemente que esta é unha cuestión de país en que todos debemos achegar as nosas contribucións, arrimar o ombreiro, apartar as nosas diferenzas, porque o que está en xogo é algo tan serio como a seguridade de Europa e, por tanto, a seguridade de España", subliñou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade