Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pican as rodas de quince coches nunha rúa de Cee, con perdas que rozan os mil euros

Pican as rodas de quince coches nunha rúa de Cee, con perdas que rozan os mil euros

Son cortes grandes, feitos con maldade, que en moitos casos supoñen cambiar as catro rodas do turismo

Á falta de que avance a investigación, todo apunta a vandalismo, sen relación cos roubos en coches na Costa da Morte

G24.gal 22/04/2025 14:10

"Rodas picadas, outra picada...", un dos afectados vai contando os coches mentres grava a imaxe coa que amenceron na rúa Gueifar, en Cee.

Unha, dúas, tres..., e así ata quince coches coas rodas rebentadas

"Hainas que cambiar porque teñen un corte, que foi cun coitelo. Quince coches", lamentan entre eles. "Que desfeita!".

No seu caso, dobre desfeita.

"No noso caso tiñamos os dous coches aparcados, igual que unha parella que vive aquí arriba que tamén tiñan os dous turismos aparcados e se che cortan as dúas rodas dun lado, como no mesmo eixo teñen que levar a mesma roda, xa che fan a lea, porque tes que cambiar as catro. Se foi unha trasnada, fóiselles da man", explica Rubén Santamaría

De broma ten pouco. É pura maldade e un golpe económico en toda regra.

"Algunha valeu para vulcanizar, pero outras teñen cortes moito máis grandes e xa é imposible reparalas. Son rodas que están en bo uso e o cliente ao que lle tocou este acto vandálico perde unha cantidade de cartos considerable porque as rodas estaban para circular bastante tempo", sinala Ángel Leis, propietario de Neumáticos El Español.

Ao desembolso súmanse a sensación de inseguridade e as incomodidades de quedar sen coche.

"Sorte que eu estou xubilado e non me fixo falta para traballar, pero a xente de aquí tivo que coller taxis".

"Ten que ser vandalismo, porque se alguén che quere mal, pícache un coche, pero non todos, porque estaba a rúa toda chea".

"O vandalismo, os furtos, o que non ves, sempre é un shock, sobre todo, porque non sei a quen lle corresponde a seguridade". 

Dende hai meses, Cee non ten Policía Local. Todos os axentes están de baixa. A Garda Civil pide colaboración cidadá para dar co desalmado ou desalmados autores desta maldade, porque ademais non é a primeira vez que ocorre algo semellante

"Casos de espellos retrovisores, casos de rodas varias veces máis", confirma Leis.

Á falta de que avance a investigación, esta falcatruada non estaría relacionada cos roubos en coches dos últimos días na Costa da Morte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade