Rompen á forza unha tubaxe e provocan un escape de gas en Carballo
Os bombeiros lograron controlar a fuga, rexistrada na noite do luns na rúa Carlos Casares
Descoñécese se querían roubar a tubaxe de cobre ou foi un acto vandálico
Un operario reparaba este martes a tubaxe onde se orixinou o escape, no exterior dun edificio da rúa Carlos Casares. Quen a danou tirou con forza ata que rompeu o cobre na madrugada do luns.
"Romperon o tubo e empezou a saír o gas. Ao comezar a cheirar forte, algún veciño que pasou chamaría os bombeiros", di o traballador.
Ao chegar, os bombeiros localizaron a fuga, pecharon o paso xeral e fixeron medicións na contorna por se houbera acumulacións. Descoñécese se a intención era roubar o metal, pero o escaso valor da peza fai pensar en vandalismo.
"Esta peza con este diámetro vale uns dous euros, non se rouba este tipo de tubaxe, eu creo que foi un acto vandálico", explica o operario.
O suceso deixou sen auga quente e calefacción está céntrica clínica de Carballo, e provocou tamén certo desacougo entre os veciños. Malia que todo quedou nun susto, este tipo de actos poden ter consecuencias graves.
"Se pasa alguén fumando por aquí, podería ter provocado un incendio grave".
"Menos mal que controlaron pronto o escape. Non deberían estar ese tipo de tubaxes tan a man na rúa, hai moito falcatrueiro".
Agardan que nada semellante volva suceder e que só as mans dos profesionais manipulen unhas tubaxes tan sensibles como as do gas.