Publicador de contidos

Publicador de contidos

Libre con cargos o detido en Vilalba por danar 25 inmobles e vehículos, un deles un bus escolar

Libre con cargos o detido en Vilalba por danar 25 inmobles e vehículos, un deles un bus escolar

O detido, que conta con antecedentes por violencia de xénero, aceptou someterse a tratamento e pagar os desperfectos

Os danos nos vehículos son moi diversos, e van desde a rotura de espellos retrovisores e rascaduras na carrocería ata avarías moito máis graves e mesmo perigosas

O detido provocou avarías nalgúns vehículos
G24.gal 27/03/2025 10:36

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Vilalba acordou a posta en liberdade do home detido por provocar danos polo menos en 25 vehículos e inmobles en diversos puntos da provincia de Lugo. O home, que admitiu parte dos feitos investigados e mostrou a súa intención de facerse cargo do custo dos estragos, así como de someterse a tratamento, queda investigado por diversos delitos de danos. Ninguén solicitou na declaración xudicial deste xoves que se lle impuxese a medida de prisión provisional.

O home fora detido por axentes da Garda Civil de Lugo. Segundo a información facilitada a EFE por fontes da propia Benemérita, a detención produciuse este martes -día 25 de marzo-, pouco antes da medianoite, na localidade lucense de Vilalba.

Na capital chairega colléreno na allada mentres manipulaba os freos dun furgón, nas proximidades do campo da feira.

"Unha das maneiras máis fáciles de facerlle mal a un coche é afrouxarlle un parafuso do látego do freo, con consecuencias bastante graves. Ao principio pode ter freada, pero logo na estrada é moi doado quedar sen freos, cun risco mortal", sinala Moncho Ramudo Coira, socio dun talller mecánico da capital chairega. 

O seu modus operandi consistía en atacar os vehículos que estaban aparcados sen vixilancia, aos que adoitaba deixar sen freos e, nalgúns casos, mesmo coas rodas picadas. Ao parecer, foi o que lle fixo a un bus escolar que levaba os pequenos ao colexio de Cospeito. Afortunadamente, ninguén resultou ferido.

Así mesmo, precisaron que os danos nos vehículos son moi diversos, e van desde a rotura de espellos retrovisores e rascaduras na carrocería ata avarías moito máis graves e mesmo perigosas para os usuarios dos mesmos.

Figuran entre as sabotaxes que lle imputa a Garda Civil danos no sistema de dirección dos vehículos, no ABS e nos freos. Tamén nos pneumáticos de furgonetas e coches.

Ao detido, segundo as mesmas fontes, xa lle figuran antecedentes policiais por violencia machista.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade