Denuncian a utilización do nome dun bar de Santiago nunha estafa
Unha muller que se presenta como traballadora do establecemento faise con cartos de viandantes a modo de préstamo para afrontar un imprevisto urxente
Os donos da cafetería Bellavista situada na rúa compostelá de Galeras tratan de frear a acción enganosa que está a protagonizar unha muller. Esta pide cartos para atender un asunto urxente poñendo como referencia para unha suposta devolución do préstamo a cafetería Bellavista, onde di traballar.
"Un cliente contounos que unha chica o abordou na rúa dicíndolle que traballaba aquí, na cafetería Bellavista, que era nova e que quedara sen gasolina. O cliente preguntoulles cousas do negocio, como o nome do dono, e tamén lles falou dos horarios de traballo. O chico non picou, pero outra clienta si, e cando veu para recuperar os dez euros que lle dera, encontrouse con que aquí non existía ningunha Vanesa", explica Margarita González, traballadora da cafetería.
Coa mesma argucia foi abordando máis persoas para conseguir máis cartos.
"Parece que vai pedindo pouco a pouco para ir xuntando, que se un euro, dous euros..., e así vai xuntando cartos para o seu fin, que non sei cal é", di Margarita González.
"E a vostede se lle piden así, daríalle cartos?", preguntamos a unha clienta, que nos responde "Non. Non, non. Non, non me resulta convincente se estás traballando que pidas cartos".
"Iso de: 'amigo, cigarro, un euro, amigo'..., comigo non vai. Se queres un euro ponte a traballar. Non hai máis", di outro cliente.
"Paréceme mal que haxa xente por aí estafando", afirma outro.
Feitos dese tipo desbotan a disposición a axudar. E son proba de que en calotes de pouco importe os seus autores utilizan artificios aparentemente naturais pero cen por cento enganosos.