O prezo da nostalxia cotiza na feira de antigüidades de Padrón
Padrón celebra unha feira de antigüidades para coleccionistas, curiosos e apaixonados do pretérito
Pódense atopar selos, discos e mobles de época, algúns valorados en milleiros de euros
Éxito de público na décimo septima edición da Feira de Antigüidades, coleccionismo e vintage que se celebra este domingo en Padrón.
"En canto á afluencia de xente, estamos contentos. Onte pola tarde houbo moitísima e hoxe o feirón aquí fóra tamén axuda a que haxa moito público", asegura Javier Domínguez, presidente da asociación cultural Ferro Vello e organizador do evento.
Aquí mestúranse os que veñen a albiscar unha ganga ou auténticos apaixonados do antigo. Son trinta e tres expositores procedentes de Galicia, pero tamén de León, Asturias e mesmo do Porto.
Rebuscando nos postos, pódense atopar discos únicos, selos ou mobles de época, como un orixinal escritorio de viaxe de 1860.
"Eu aposto moito pola diferenza das pezas; pezas non únicas, senón distintas", matiza Manoel Rodrigues, vendedor de antigüidades.
A oferta non escasea e os prezos dependen do que queira cada un.
"Pode levar un lapis, un selo, e o máis caro, pois un moble de preto de mil euros", ilustra Javier Domínguez, o organizador da xornada.
A feira estará aberta todo o día, así que os amantes do antigo non teñen escusa.