O prezo do leite en orixe subiu un 55 % no último ano
O prezo do leite en orixe subiu un 55 % no último ano
Os gandeiros cobran de media 0,53 euros por litro entregado
A baixada da produción e a escaseza de animais explican a suba
Os gandeiros galegos produtores de leite, arredor de 6.000, están a recibir de media 53 céntimos por cada litro. É dicir un 55 % máis que hai catorce meses. Unha cifra das máis elevadas dende que hai rexistros e que supón un balón de osíxeno agora que os custos se dispararon nun 11,7 % dende hai un ano.
Con todo, segue habendo unha ampla diferenza entre o que cobran os gandeiros e o que paga o consumidor final.
A suba tamén se debeu á seca. A falta de forraxes obrigou a mandar para o matadoiro milleiros de vacas en toda Europa e agora non se atopan substitutas. Baixa, pois, a produción de leite e as industrias teñen que competir polo que queda dispoñible ofertando subas no prezo base e primas por calidade.
Malia a actual situación, Galicia segue producindo máis do 40 % de todo o leite de España e agárdase poder transformar en derivados o 75 % desa produción galega.