Publicador de contidos
Publicador de contidos

O prezo do ouro cotiza á alza en 2025 despois de marcar unha suba do 30 % o ano pasado

O prezo do ouro cotiza á alza en 2025 despois de marcar unha suba do 30 % o ano pasado

Actualmente alcanza o seu mellor dato dende 2010

G24.gal 09/01/2025 11:43

O prezo do ouro marca o seu mellor dato dende 2010 tras revalorizarse preto dun 30 %, xa que canta máis incerteza económica e xeopolítica, máis tende a subir o seu prezo, tal e como pasou na crise financeira e na pandemia da covid-19.

Luís Otero, catedrático de Economía Financeira e Contabilidade na USC, explica que se deron "unha serie de factores que son os que tiran da demanda do ouro. Unha situación xeopolítica complexa que veu acompañada dunha baixada de xuro e unha demanda por parte de bancos centrais e de investidores".

"Búscase un investimento refuxio, que é o que tradicionalmente fixo o ouro. Economicamente non podemos dicir que é un momento malo, pero si temos certa incerteza en países europeos, na China. Mesmo a chegada de Trump deixa incerteza sobre o que vai pasar cos aranceis", engade o catedrático.

Tamén suman incerteza os conflitos bélicos abertos a nivel mundial, polo que os investidores buscan diversificar e unha estabilidade. O catedrático de Economía Financeira e Contabilidade di que "que cando van mal as carteiras en renda variable ou accións, habitualmente o ouro compénsaas. En todo caso, os rendementos garántense máis en prazos longos que curtos".

En establecementos de compravenda de ouro tamén aprecian un interese crecente entre os pequenos aforradores e José Manuel Iglesias, xerente de Rentagold en Santiago, asegura que "sobre todo entre a xente nova que quere preservar o seu poder de compra no tempo" inviste en moedas ou pequenos lingotes.

O prezo da onza actualmente atópase por riba dos 2.600 dólares e os mercados auguran que a final de ano podería superar os 2.800.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade