O primeiro caso de gripe aviaria en mamíferos de toda Europa detectouse nunha granxa de Carral
O primeiro caso de gripe aviaria en mamíferos de toda Europa detectouse nunha granxa de Carral
O caso é de outubro pero a alerta confirmouna nas últimas horas o Centro Europeo de Control e Prevención de Enfermidades
É unha alerta preventiva, xa que a capacidade de transmisión deste virus a humanos se considera limitada
É un caso que sorprendeu os veterinarios de gandería, sobre todo pola alta capacidade de contaxio que se está a ver nos visóns, que tamén deron problemas por contaxiarse de covid-19 durante a pandemia.
Nesta ocasión, foi un o gromo de influenza aviaria, detectado nunha granxa de Carral. Os visóns contaxiáronse de aves silvestres, como gaivotas e mascatos, e despois entre si.
O caso levou a Xunta a ordenar o sacrificio dos 52.000 mustélidos que había na granxa nese momento. Tamén lles fixeron probas e puxeron en corentena doce traballadores, que finalmente non estaban infectados.
Os mascatos adoitan voar só sobre o Atlántico, pero chegaron a terra porque viñan enfermos das illas británicas. Tamén se infectaron gaivotas. As aves silvestres contaxiaron o H5N1, por primeira vez en Europa, os visións duna granxa de Carral. É a maior de Galicia dun sector que produce o 90 % da materia prima da industria peleteira estatal.
"A sintomatoloxía que tiñan era: problemas respiratorios, letarxia, sangraban polo nariz. Presentaban alteracións neurolóxicas... O veterinario clínico avisou os veterinarios oficiais que comprobasen os síntomas e de inmediato inmobilizaron a explotación", explica Jesús Orejas, xefe de Servizo de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural.
Os veterinarios da Xunta remitiron mostras ao Centro Nacional de Referencia en Algete, que confirmou a contaxio pola gripe aviaria dos mustélidos. A Consellería do Medio Rural ordenou o sacrificio das 8.000 femias e máis de 44.000 crías que había na granxa. Tamén puxeron en corentena e realizaron probas a doce traballadores, que deron negativo.
"A alerta implica que as autoridades sanitarias están vixilantes. Por protocolo, desde a pandemia de covid-19, os traballadores seguen a levar máscara e están protexidos, e de momento non hai casos entre persoas nin ten por que haber", explica a viróloga Isabel Bandín.
Os servizos de sanidade animal da Consellería do Medio Rural argumentan que a capacidade zoonótica, de transmisión á especie humana, da gripe aviar non é significativa. Mesmo así, os escasísimos casos que se deron na historia de transmisión a humanos no mundo foron graves.
Tras a pandemia da covid-19, en que houbo infeccións polo SARS-CoV-2 en catorce das vinte e catro granxas de visón de Galicia, os servizos de Sanidade Animal da Xunta realizan inspeccións e tests cada 15 días, que consideran efectivas.
Este caso que hoxe coñecemos de gripe aviaria é de outubro pasado e de momento non se deron contaxios en Galicia en ningunha granxa avícola.