Publicador de contidos
Publicador de contidos

O primeiro Centro Integral de Saúde empezará a funcionar en outubro en Lugo

O primeiro Centro Integral de Saúde empezará a funcionar en outubro en Lugo

O presidente da Xunta visitou este martes as instalacións, que agardan que estean 100 % operativas antes de acabar o ano

O Concello de Lugo denuncia que non se convidou a alcaldesa a este acto, no que si estivo a voceira do PP na cidade 

G24.gal 19/09/2023 16:46

O mes que vén abre as súas portas o centro de saúde da residencia de Lugo. Anunciono esta mañá o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Era unha noticia moi esperada desde que se trasladou a outra localización o vello hospital e dun investimento de 16,5 millóns de euros para adaptalo aos seus novos usos.

Rueda fixo unha visita a estas novas instalacións, onde precisou que a previsión que manexa o Goberno galego é que o novo centro comece a funcionar en outubro, de modo que antes de terminar este ano estea operativo o 100 % dos servizos concentrados nestas instalacións.

Acompañado polos conselleiros de Infraestruturas e Sanidade, Ethel Vázquez e Julio García Comesaña, respectivamente, o presidente destacou a “magnífica rehabilitación” que se realizou do antigo Hospital Materno de Lugo. “Isto demostra que os edificios públicos poden ser bonitos, ademais de funcionais”, engadiu.

No marco da Estratexia de Economía Circular do Sergas, o novo Centro Integral de Saúde de Lugo “foi construído para ser un edificio sostible e energéticamente eficiente”, explicou e para iso, conta con paneis solares fotovoltaicos, ademais da utilización na súa construción de madeira 100 % galega, tanto no interior como co exterior, e dun sistema de calefacción por biomasa.

O obxectivo dos centros integrais de saúde é concentrar nun mesmo edificio a atención primaria común, a atención urxente (PAC) e servizos especializados, para convertelos en punto de referencia para os pacientes de diferentes barrios -no caso das cidades- ou de diferentes localidades, no caso dos CIS de ámbito comarcal.

O futuro CIS de Lugo albergará a base do 061, un centro de saúde e o PAC -cun total de 46 consultas, entre as plantas primeira e terceira-; así como a área de saúde mental -con 22 consultas, situadas na planta 0-.

Dispoñerá de espazos adaptados para consultas de saúde bucodental, fisioterapia, saúde da muller ou radiodiagnóstico. Ademais, contará co último en tecnoloxía diagnóstica, o que permitirá habilitar unha sala de radioloxía, outra dotada cun mamógrafo e unha sala de radiodiagnóstico con telemetría, para realizar radiografías completas de columna ou dos membros inferiores.

Rueda lembrou que o CIS de Lugo supón a primeira peza da reconversión que a Xunta está a levar a cabo do barrio da Residencia, despois do traslado do antigo Hospital Xeral.

O lugar onde se atopaban as antigas instalacións hospitalarias acollerá agora este centro sanitario, así como a futura Oficina de Emprego da cidade ou a nova residencia da terceira idade, impulsada pola Xunta e a Fundación Amancio Ortega.

“Queremos seguir dinamizando este barrio, dándolle unha segunda vida, que sexa máis potente e con máis movemento do que xa tiña antes”, indicou Rueda.

Pola súa banda, o Goberno local de Lugo lamentou “a falta de lealdade institucional evidenciada” este martes por parte da Xunta, que “non remitiu nin comunicación nin invitación algunha ao Concello” para participar “na visita institucional” de Rueda ao CIS.

En declaracións aos medios de comunicación, a portavoz municipal, Paula Alvarellos, dixo que “o sucedido esta mañá é un capítulo inaudito na historia da cidade" porque é "é a primeira vez que non se convida á alcaldesa (...) a unha visita institucional do presidente da Xunta, cando si estivo presente a portavoz do PP local, Elena Candia".

Desde o seu punto de vista, este comportamento é “totalmente censurable” e é “unha ofensa para todas e todos os lucenses” polo que o Concello pediu "por escrito e de forma oficial" á Presidencia da Xunta que reflexione e restableza o respecto e a lealdade cara aos veciños de Lugo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos