O primeiro ministro Attal, o máis madrugador á hora de votar nas eleccións francesas
O primeiro ministro Attal, o máis madrugador á hora de votar nas eleccións francesas
O presidente Macron votou ao mediodía acompañado pola súa muller
Marine Le Pen votará no seu feudo de Henin-Beaumont, ao norte do país
O primeiro ministro Gabriel Attal, que aspira a renovar o seu escano na Asemblea Nacional, foi o máis madrugador. Votou ás dez da mañá preto de París.
Como é habitual na política francesa, o candidato non fixo declaracións e limitouse a saudar as persoas que estaban dentro e fóra do colexio electoral.
Attal seguiría sendo primeiro ministro se o partido do presidente Emmnauel Macron consegue reeditar a maioría parlamentaria de hai dous anos, o que semella pouco probable tras os resultados do pasado domingo e a tendencia que mostran todas as enquisas.
O presidente Macron votou ao mediodía acompañado da súa muller en Le Touquet, na costa norte.
O mandatario tería que nomear primeiro ministro a Jordan Bardella, que vota en Garches, no distrito de Nanterres, se o partido de Marine Le Pen, Reagrupamento Nacional, consegue a maioría absoluta ou o suficientemente ampla para superar o cordón sanitario que pactaron a esquerda e o centro dereita.
Na primeira volta, a extrema dereita foi a forza máis votada pero agora as enquisas prevén unha maioría máis axustada. A líder do partido vota no seu feudo electoral de Henin-Beaumont, ao norte do país.
O expresidente socialista Francois Hollande, que volveu á política activa e aspira a conseguir un escano pola Nova Fronte Popular, votou pasadas as once en Tulle.
Os catro partidos que compoñen o bloque de esquerda, entre os que figura a Francia Insubmisa de Melénchon, non decidirán quen é o seu candidato a primeiro ministro ata coñecer os resultados finais das votacións.