O proxecto Redeira crea unha ferramenta para mellorar a comunicación entre bateeiros e científicos
O proxecto Redeira crea unha ferramenta para mellorar a comunicación entre bateeiros e científicos
Trátase dunha enquisa en liña a través dun código QR, á que poderán acceder os produtores de mexillón e informar das incidencias que acontezan nas súas bateas
O Consello Regulador Mexillón de Galicia e o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC esperan unha ampla colaboración dos bateeiros para recoller datos clave sobre o cultivo
Dentro do proxecto Redeira, o Consello Regulador Mexillón de Galicia e o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC acaban de desenvolver unha ferramenta que permite mellorar a comunicación entre os bateeiros e a comunidade científica.
O obxectivo é facilitar un intercambio de información entre eles e así mellorar na diagnose dos problemas que afectan ao mexillón, coñecer as incidencias en tempo real e intentar determinar como van evolucionar.
Será cunha enquisa en liña a través dun código QR, á que poderán acceder os produtores de mexillón e informar das incidencias que acontezan nas súas bateas.
"Ao longo destes anos recompilamos moita información ambiental e agora falta cotexar esa información coas incidencias que lles ocorren aos produtores. O que pretendemos é que reporten as incidencias e a evolución das mesmas que atopen nas súas bateas", di Ángeles Longa, responsable de I+D do Consello Regulador Mexillón de Galicia.
Deste xeito, establecerase unha base de datos do propio cultivo que permita integralo cos datos ambientais. Poderase informar os produtores sobre a que se deben as incidencias e intentar determinar como van evolucionar.
"Canalizamos e estandarizamos un mecanismo de comunicación que achegue os produtores aos científicos para sacarlles o maior partido aos datos e ás investigacións que levamos desenvolvendo durante todo este tempo. Para poder determinar os mellores xeitos de actuar en momentos determinados", engade.
As enquisas serán anónimas e voluntarias. Desde o Consello Regulador e o CSIC esperan unha ampla colaboración dos bateeiros para recoller datos clave sobre o cultivo.