Publicador de contidos
Publicador de contidos

Iniciado o despregamento dunha rede sísmica submarina fronte ás costas de Galicia e Asturias

Iniciado o despregamento dunha rede sísmica submarina fronte ás costas de Galicia e Asturias

A campaña pretende recoller datos para caracterizar con precisión a actividade sísmica dunha ampla zona do noroeste peninsular cuxa sismicidade presenta moitas incógnitas para a comunidade científica

Imaxe de arquivo do buque Sarmiento de Gamboa no porto de Vigo (TVG). Imaxe de arquivo do buque Sarmiento de Gamboa no porto de Vigo (TVG).
G24.gal 21/10/2024 11:48

O fondo mariño fronte ás costas de Galicia e Asturias, a máis de 4.500 metros de profundidade, acollerá unha decena de sismógrafos submarinos, que se situarán no litoral cantábrico co obxectivo de detectar durante seis meses os terremotos con epicentro no fondo mariño que se orixinan neste sector.

Investigadores do Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo, acompañados de científicos da Universidade de Lisboa e de sete membros da Unidade Técnica Mariña do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), partiron a finais da pasada semana do porto de Vigo a bordo do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa para proceder á colocación dos sismógrafos, tecnicamente denominados OBS.

Desde hai décadas coñécese a existencia dunha importante sismicidade fronte ás costas lucenses e do occidente asturiano cuxa distribución e características expoñen aínda moitas incógnitas para a comunidade científica, informa a universidade asturiana.

O traballo dos investigadores a bordo do Sarmiento de Gamboa prolongarase ata o próximo 7 de novembro, período durante o cal, ademais de despregar os sismógrafos submarinos, adquiriranse máis de 700 quilómetros de datos batimétricos e de sísmica pasiva de alta resolución que permitirán caracterizar o subsolo mariño.

Así mesmo, tomaranse mostras rochosas do leito mariño en distintos puntos.

A campaña mariña compleméntase coa instalación en terra e ao longo da costa doutros 10 sismógrafos que, xunto cos mariños, proporcionarán unha valiosa información para caracterizar con precisión a actividade sísmica dunha ampla zona do noroeste peninsular. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade