Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Deportivo ascende a Segunda División

O Deportivo ascende a Segunda División

Os de Idiakez vencen en Riazor ao filial do Barça grazas a un gol de Lucas Pérez e certifican o regreso ao fútbol profesional 

G24.gal 12/05/2024 21:04 Última actualización 12/05/2024 21:21

A gran final polo ascenso ao fútbol profesional vestiu Riazor coa mellor das súas galas. O ambiente era único e dende o inicio do partido ambos os conxuntos demostraron que estaban a xogar un partido especial.

O Deportivo pegou primeiro. Unha falta de Lucas colleu efecto e, de non ser polo gardameta culé Astralaga, faría o primeiro dos locais moi cedo. Nos minutos seguintes virían en grupos de tres varias ocasións en que os visitantes reclamaron penalti en área deportivista. Primeiro caeu Marc Guiu mentres entraba en diagonal cara á portería galega. Reclamou que Balenziaga lle metera o pé einterrompendo a súa carreira, mais o colexiado non asubiou nada.

A seguinte mantivo o mesmo protagonista. Marc Guiu caía na área e reclamaba que esta vez fora Pablo Martínez quen o botara ao chan, outra vez sen coincidir coa visión do árbitro. Minutos despois chegaría a ocasión máis clara da primeira parte, un pase filtrado dende o costado esquerdo para Marc Guiu, que definía diante de Germán pero enviaba o balón ao corpo do porteiro do Deportivo. Practicamente na mesma xogada noutro lado da área caería outro xogador culé reclamando un pisotón de José Ángel que tampouco sería asubiado.

A primeira metade mantería a intensidade, con ambos os equipos mantendo o descaro e pisando área rival. Non habería accións moi claras ademais dunha saída de Germán para cortar un balón longo ao que corría Marc Guiu e un córner a favor do Deportivo que pasearía pola meta do Barcelona Atlètic sen atopar quen o empurrase. 

Na segunda metade o ambiente seguiría a ser completamente eléctrico, e a poucos minutos do comezo unha combinación entre Yeremay e Lucas acabaría cunha vaselina do dez deportivista que saíu tras acariñar a liña de meta. Non ían nin seis minutos da segunda metade e un caneo de Mella na área rival celebrábase como se foran os minutos finais.

Ambos os dous equipos buscaban transicións rápidas e chegar con velocidade á meta contraria. Sería no minuto 57 de partido que Riazor estouparía tras un mísil de Lucas Pérez que se coaría polo lado do porteiro nunha falta na frontal. O Deportivo adiantábase con media hora por diante e o campo era unha caldeira para que os seus resistisen. O ritmo, lonxe de baixar, seguiría arriba e mesmo aumentaría. O balón seguiu facendo quilómetros de lado a lado e de porta a porta mentres os minutos pasaban e ningún de ambos os equipos conseguía xerar ocasións claras.

Mella tería unha moi clara que el mesmo fabricou regateando varios rivais para logo mandar o esférico bicando a escuadra de Astralaga. O Deportivo seguiu mordendo en varias transicións rápidas coa mente posta en pechar con chave a súa portería. O árbitro engadía sete minutos e Riazor animaba como nunca para que as agullas do reloxo se movesen o máis rápido posible.

Nos últimos intres, o Barça practicamente non pisou a área deportivista e a falta de trinta segundos Germán atallaba un balón que xa provocaba berros de ledicia que resoaban en toda a praia de Riazor. Asubío final do árbitro e o verde converteuse nunha festa, a xente amoreada fóra berraba con máis forza porque o ascenso do Deportivo xa é unha realidade.

Catro anos despois o equipo coruñés volve ao fútbol profesional tras descender naquel controvertido episodio ante o Fuenlabrada. Tres puntos para o Dépor e ledicia para toda a cidade. O R. C. Deportivo ascende á Segunda División.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos