O Real Madrid e o Mónaco enfrontaranse o 11 de setembro en Pontevedra
O Real Madrid e o Mónaco enfrontaranse o 11 de setembro en Pontevedra
É un duelo previo á novena edición do Torneo EncestaRías, que contará este ano coa participación de Río Breogán, Leyma Coruña, Valencia Básquet e o equipo francés
O Real Madrid e Mónaco, dous equipos da Euroliga, mediranse o vindeiro mércores 11 de setembro en Pontevedra no Dream Game, un duelo previo á novena edición do Torneo EncestaRías que contará este ano coa participación de Río Breogán, Leyma Coruña, Valencia Básquet e o equipo francés.
Este encontro foi presentado esta mañá na cidade galega polo ex-xogador branco Fernando Romay, padriño do evento, xunto a representantes do Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e da organización.
“A última vez que o Real Madrid estivo na nosa provincia foi no ano 1989. Ademais, en Galicia nunca se viu un partido deste nivel, podería ser perfectamente a final da Euroliga”, destacou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, durante a presentación.
Pola súa banda, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou a importancia de seguir promovendo as competicións deportivas na cidade polo impacto económico que este tipo de eventos teñen.
As entradas para este partido custarán entre 10 e 40 euros, aínda que aquelas persoas que retirasen o abono para o Torneo EncestaRías terán un desconto dun 50 por cento.