Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Rebullón contará cun dos centros de coidados intermedios pioneiros en España

O Rebullón contará cun dos centros de coidados intermedios pioneiros en España

Tratará os doentes que reciben a alta hospitalaria pero que precisan de coidados antes de volver á casa

Este novo complexo sociosanitario albergará unha escola infantil e unha residencia para maiores con 150 prazas

G24.gal 28/02/2023 16:25

Santiago de Compostela e Mos van ser os primeiros lugares de Galicia en contar con unidades de coidados intermedios para persoas acabadas de saír do hospital. É un servizo pioneiro en España que tratará os doentes que reciben a alta hospitalaria pero que precisan de coidados antes de volver á casa.

A Xunta de Galicia licitará 5,4 millóns de euros para este centro público que estará á disposición dos usuarios nun prazo de 18 meses. Así o asegurou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita ao centro e acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

“O que hai que facer é converter o que pode ser unha ameaza nunha oportunidade e iso é o que estamos facendo exactamente: darlle unha segunda vida a todo este complexo”, comentou Rueda tras visitar as instalacións dun edificio que cualificou de “emblemático”.

O Rebullón será reconvertido nun espazo de servizos sociosanitarios múltiples que, entre outras cousas, aloxará temporalmente a pacientes que pasaron polo hospital, pero que tampouco están en condicións de regresar á casa porque seguen necesitando coidados específicos.

O primeiro paso será a creación dun centro público de coidados intermedios con 60 prazas que, xunto co que se licitou o pasado decembro en Santiago de Compostela, será o primeiro destas características en España.

Segundo explicou Rueda, ademais de facilitar a recuperación de pacientes despois dunha operación ou durante unha rehabilitación, permitirá blindar a liberdade das persoas maiores para que poidan vivir onde máis o desexen, xa que poderán recibir atención específica sen necesidade de permanecer ingresadas.

Entre os novos servizos que ofrecerá este novo complexo sociosanitario está unha nova escola infantil de 82 prazas, unha residencia para persoas maiores con 150 prazas e un centro de saúde ampliado, que será un espazo adaptado ás necesidades demográficas da vila, cun 44 por cento máis de espazo que o actual.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade