O rei pide aos novos xuíces unha "conduta exemplar" con "estritas esixencias éticas"
O rei pide aos novos xuíces unha "conduta exemplar" con "estritas esixencias éticas"
Filipe VI Participou en Barcelona na entrega de despachos a unha nova promoción da carreira xudicial, un acto en que estaba presente o fiscal xeral do Estado, investigado por filtrar datos privados do mozo de Ayuso
A presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial lamentou que se atribúan intencións ocultas aos xuíces
Filipe VI pídelles aos xuíces que actúen de forma exemplar. Así o dixo na entrega de despachos a unha nova promoción da carreira xudicial ante o fiscal xeral do Estado, investigado por filtrar datos privados do mozo de Ayuso.
O monarca referiuse á xustiza como un dos valores fundamentais para que unha sociedade conviva. E dixo que coidar o prestixio das institucións é responsabilidade de todos. Foi parte do seu discurso na entrega de despachos a unha nova promoción da carreira xudicial.
Instou os 137 xuíces da 73 promoción a exercer desde "a máis estrita independencia" e "profundo respecto" á xustiza, así como a gardar as "normas de conduta exemplar que caracterizan ao Poder Xudicial español" e desenvolverse "baixo unhas estritas esixencias éticas".
Precisamente, o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) abriu onte unha dilixencia informativa tras recibir máis de 900 queixas e denuncias polo comportamento do xuíz Adolfo Carretero durante o interrogatorio a Elisa Mouiláa no marco da investigación aberta ao exdeputado de Sumar Íñigo Errejón por presunta agresión sexual.
Por primeira vez desde 2016 asistiu a este acto o presidente da Generalitat, neste caso Salvador Illa, xunto á cúpula xudicial, renovada tras anos de bloqueo.
Nese mesmo acto en Barcelona, a presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial lamentou que se atribúan intencións ocultas aos xuíces, en alusión a comentarios realizados por membros do Goberno de Pedro Sánchez.