UPN e Coalición Canaria apoian a investidura de Feijóo
UPN e Coalición Canaria apoian a investidura de Feijóo
A formación canaria non pecha a porta a apoiar unha eventual investidura de Sánchez se cumpre cunha serie de condicións
Pola tarde, o portavoz parlamentario do PNV, Aitor Esteban, e a líder de Sumar, Yolanda Díaz
Filipe VI recibiu este luns no seu despacho do Palacio da Zarzuela o presidente de Unión del Pueblo Navarro (UPN), Javier Esparza, na primeira das sete reunións que manterá durante dous días con dirixentes políticos na rolda de consultas para propoñer candidato á investidura.
Esparza comunicou ao rei o seu apoio a unha investidura do candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, porque así o comprometeron nas eleccións e a súa formación ten "palabra".
Esparza sinalou que UPN non debe dicirlle que facer ao xefe do Estado e respectará a decisión que tome: "Seguimos apostando por un goberno do Partido Popular, pero se desde logo a cousa está entre un goberno do PSOE con Bildu ou unhas novas eleccións, pois oxalá vaiamos a un novo ciclo electoral", dixo.
O rei Filipe recibiu a representante de Coalición Canaria (CC), Cristina Valido, ao mediodía. Valido, comunicou que Feijóo ten xa o seu voto para unha eventual investidura, mentres que co socialista Pedro Sánchez habería que negociar unha serie de condicións para outorgarllo, empezando por cumprir promesas pendentes do último debate de orzamentos.
En declaracións no Congreso tras a audiencia no Palacio da Zarzuela, Cristina Valido lembrou que a semana pasada, cando se elixiu a mesa do Congreso, CC xa obtivo do PP un "apoio claro" aos 55 puntos da chamada axenda canaria, que inclúe bonificacións de transporte, asuntos de inmigración e infraestruturas educativas e hidráulicas, entre outros temas.
Por iso, a deputada de CC apoiou á secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, para a Presidencia do Congreso, aínda que foi derrotada pola socialista Francina Armengol, e agora manteñen o seu apoio a Feijóo porque consideran probado que "o PP se compromete" e que aposta por un Goberno sen Vox, que eran as dúas condicións que poñía a súa formación.
Agora ben, no caso dunha eventual investidura de Pedro Sánchez, CC non pecha a porta, pero esíxelle unha condición adicional previa, ademais da axenda canaria: cumprir os compromisos adquiridos na última negociación orzamentaria, cando a súa formación apoiou as contas de 2023.
Segundo dixo, estamos a metade de exercicio e o Goberno de Sánchez aínda non cumpriu o compromiso de transferir máis de 200 millóns para axudas á Palma, universidades e transporte de mercadorías. Por tanto, o primeiro que tería que facer Sánchez é cumprir esa débeda pendente, e despois comprometerse coa axenda canaria.
Xa pola tarde, quenda para o PNV. O seu voceiro no Congreso volvía descartar este luns calquera apoio á investidura de Feijóo ao tempo que lle afeaba ao PSOE non ter aberto aínda as negociacións cos potenciais socios. "A verdade é que nin sequera empezamos a falar, non tivemos nin unha reunión", apuntaba Aitor Esteban. Por iso cualifica esta rolda de consultas co Rei de "precipitada" e non descarta que teña que haber unha segunda.
Non o cren necesario no PP e lémbranlle a Sánchez o que dixo en 2016, cando instaba a Mariano Rajoy a presentarse á investidura por ser a primeira forza política tras as eleccións do 20 de decembro do ano anterior.
Por iso, os populares insisten en que ten que ser Feijóo quen opte á investidura. Esteban González Pons, vicesecretario de Acción Institucional do PP, cre que "o Rei debería ofrecer a investidura primeiro ao partido que ten máis votos, pero se o Rei adopta outra decisión, o PP vaina acatar e punto final".
Os socialistas cren que o candidato do PP non ten opcións. Segundo Miquel Iceta, ministro de Cultura e Deporte en funcións, "o señor Feijóo foi ás eleccións pedindo a derrogación do sanchismo e saiu derrotado", ao tempo que admite que "cada partido pode ter a súa estratexia, pode ter a súa oportunidade", apuntando así outra opción: que o PSOE deixe vía libre a Feijóo para tentar unha investidura que cren que fracasará.