O PNV e Sumar dinlle ao rei que non apoiarán a investidura de Feijóo
O PNV e Sumar dinlle ao rei que non apoiarán a investidura de Feijóo
Sumar di claramente que apoiará o PSOE e o PNV asegura que é pronto para pronunciarse
De mañá entrevistáronse con Filipe VI Unión del Pueblo Navarro e Coalición Canaria
O portavoz do PNV, Aitor Esteban, trasladou este luns ao rei que non hai opción a que a súa formación apoie a investidura do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, pois implica contar con Vox, con quen os nacionalistas se declaran incompatibles.
En canto á posibilidade de que sexa o socialista Pedro Sánchez quen asume o encargo, Esteban xa vén remarcando que é pronto para anticipar o seu voto, porque nin sequera tiveron unha reunión.
A audiencia no Palacio da Zarzuela tivo unha hora de duración e, como en anteriores roldas de consultas, o portavoz do PNV declinou comparecer despois en conferencia de prensa.
Despois de entrevistarse con Aitor Estevan, Filipe VI recibiu a representante de Sumar.
Yolanda Díaz dixo que apoiarían ao PSOE. Confirmoulle ao Rei que hai negociacións abertas para que Pedro Sánchez poida sumar apoios suficientes para ser investido. Pero insistiu en que respetarán calquera decisión que tome o monarca.
Díaz engadiu que Alberto Núñez Feijóo está máis só ca nunca, que está illado e non ten posibilidade de fomar goberno pola falta de aliados.
A líder de Sumar cre que se Feijóo se presentase a unha investidura sería para ocultar a crise que vive o Partido Popular e da que non sabe como saír.
Díaz engadiu que non é partidaria dunha repetición electoral porque considera que sería como dicirlle aos españois que "votaron mal".
UPN apoiaría unha investidura de Feijóo
Pola mañá pasou polo Palacio da Zarzuela o presidente de Unión del Pueblo Navarro (UPN).
Javier Esparza comunicou ao rei o seu apoio a unha investidura do candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, porque así o comprometeron nas eleccións e a súa formación ten "palabra".
Esparza sinalou que UPN non debe dicirlle que facer ao xefe do Estado e respectará a decisión que tome: "Seguimos apostando por un goberno do Partido Popular, pero se desde logo a cousa está entre un goberno do PSOE con Bildu ou unhas novas eleccións, pois oxalá vaiamos a un novo ciclo electoral", dixo.
Coalición Canaria di que apoiaría a Feijóo se se presenta á investidura e ao PSOE se cumrpe coa axenda canaria
O rei Filipe recibiu a representante de Coalición Canaria (CC), Cristina Valido, ao mediodía. Valido, comunicou que Feijóo ten xa o seu voto para unha eventual investidura, mentres que co socialista Pedro Sánchez habería que negociar unha serie de condicións para outorgarllo, empezando por cumprir promesas pendentes do último debate de orzamentos.
En declaracións no Congreso tras a audiencia no Palacio da Zarzuela, Cristina Valido lembrou que a semana pasada, cando se elixiu a mesa do Congreso, CC xa obtivo do PP un "apoio claro" aos 55 puntos da chamada axenda canaria, que inclúe bonificacións de transporte, asuntos de inmigración e infraestruturas educativas e hidráulicas, entre outros temas.
Agora ben, no caso dunha eventual investidura de Pedro Sánchez, CC non pecha a porta, pero esíxelle unha condición adicional previa, ademais da axenda canaria: cumprir os compromisos adquiridos na última negociación orzamentaria, cando a súa formación apoiou as contas de 2023.
Segundo dixo, estamos a metade de exercicio e o Goberno de Sánchez aínda non cumpriu o compromiso de transferir máis de 200 millóns para axudas á Palma, universidades e transporte de mercadorías. Por tanto, o primeiro que tería que facer Sánchez é cumprir esa débeda pendente, e despois comprometerse coa axenda canaria.
Este martes, o rei recibirá os representantes de Vox, Partido Socialista e Partido Popular.