Publicador de contidos
Publicador de contidos

O presidente do Parlament pospón a rolda de consultas para a investidura de Illa

O presidente do Parlament pospón a rolda de consultas para a investidura de Illa

Faise a pedimento de Esquerra para que as xuventudes dos republicanos decidan o voto dunha deputada da rama xuvenil

A chegada de Puigdemunt a Cataluña segue rodeada de incertezas debido ao cambio na axenda da investidura

Os CDR e a ANC desconvocan as mobilizacións previstas para este luns

G24.gal 04/08/2024 19:19 Última actualización 04/08/2024 20:38

A investidura de Salvador Illa debe superar aínda os últimos atrancos. O presidente do Parlament, Josep Rull, de Junts, demora un día, ata o martes, a rolda de consultas cos grupos parlamentarios para propoñer o candidato á investidura. Isto non ten que ver con ningún movemento táctico arredor de Puigdemont, senón con Esquerra Republicana.

Este luns pola tarde as xuventudes de ERC reúnense para decidir o voto da deputada Mar Besses na investidura de Illa. Malia que o partido aprobou os acordos, dela depende que o candidato socialista obteña os 68 votos afirmativos necesarios.

No ámbito estatal segue a pugna dialéctica entre o PSOE e o PP. Este último carga precisamente contra a capacidade de decisión de Esquerra.

"Supón romper a igualdade entre españois, supón romper a igualdade entre comunidades autónomas e é unha auténtica vergoña que cinco mil afiliados de Esquerra Republicana vaian decidir o futuro dos corenta millóns de españois", di Alfonso Serrano, voceiro adxunto do PP no Senado.

"Non lle aceptamos nin unha lección ao Partido Popular en materia de financiamento autonómico. Ningunha, tampouco ao señor Feijóo, cuxo principal aliado é Vox, que quere rematar coas comunidades autónomas", sinala Esther Peña, voceira estatal do PSOE.

O outro foco de atención está na volta anunciada de Puigdemont. En medios cataláns especulábase con que o faría entre o luns e o mércores para torpedear a investidura de Illa.

De feito, durante a fin de semana insistiuse en que era probable que chegara xa este luns, coincidindo coas mobilizacións convocadas polos CDR e a Asemblea Nacional de Cataluña, en contra dos pactos dos socialistas e Esquerra. Pero as dúas organizacións optaron por desconvocalas e a incógnita continúa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade