Sunak asume a derrota e chama os británicos a "deter unha supermaioría laborista"
Sunak asume a derrota e chama os británicos a "deter unha supermaioría laborista"
O líder laborista, Keir Starmer, pídelle ao electorado que aposte polo cambio
Ás 07:00 da mañá hora local abriron os colexios electorais no Reino Unido. O Partido Laborista que lidera Keir Starmer é o favorito para gañar estes comicios, que poderían poñer fin a 14 anos de gobernos conservadores.
46 millóns de británicos están chamados a participar nesta xornada electoral, que se prolongará ata a 22:00 hora local. Deberán elixir a composición da Cámara dos Comúns (baixa) do Parlamento, formada por 650 escanos.
Espérase que o groso dos resultados saian a partir das 03:00 hora local. A esa hora podería saberse xa que partido consegue a maioría de 326 escanos que lle permita formar goberno.
No caso de que ningunha formación chegue a esa cantidade de escanos, algo que parece improbable, producirase o que se chama un "hung Parlament" (Parlamento colgado), o que obrigará ao partido con máis escanos a negociar algún tipo de coalición, como ocorreu en 2010 entre o Partido Conservador e o Liberal Demócrata.
Segundo a última enquisa publicada, o Partido Laborista podería bater a marca obtida en 1997 por Tony Blair e acadar unha maioría histórica, a máis avultada en 200 anos.
Os candidatos depositan o seu voto nunha xornada electoral decisiva
Contra as 9:30 da mañá exercía o seu dereito ao voto o primeiro ministro británico, Rishi Sunak. O líder conservador acudiu coa súa muller, Akshata Murty, ao seu centro electoral situado en Northallerton, no norte de Inglaterra.
Sunak confía en ser reelixido deputado pola circunscrición electoral de Richmond & Northallerton nunha xornada electoral no que se agarda que os conservadores sufran un duro revés despois de 14 anos a fronte do Goberno.
Gañe ou perda, segundo o xornal The Times, os seus ministros pedíronlle que permaneza como líder tory ata setembro para evitar posibles loitas internas no seo da súa formación ante unha posible derrota electoral.
O líder laborista Keir Starmer, favorito nas eleccións, depositou o seu voto Londres, xunto a súa muller, Victoria. A parella acudiu pouco antes das dez da mañá, hora local, ao seu colexio electoral e deixouse fotografar polos medios á súa chegada.
Segundo as últimas sondaxes de intención de voto, Starmer logrará nestes comicios unha histórica vitoria, cinco anos despois de que o seu partido recibira unha dura derrota.
Os aspirantes publicaron en redes as últimas mensaxes coincidindo coa apertura dos colexios
Os líderes dos partidos políticos que concorren ás eleccións xerais no Reino Unido escribiron hoxe nas súas contas da rede social X as últimas mensaxes coincidindo coa apertura dos colexios electorais, xa que alí non hai xornada de reflexión.
O primeiro ministro británico e líder do partido conservador, Rishi Sunak, pediulle á cidadanía a súa confianza para "deter a supermaioría laborista".
Labour will put up your taxes. Again and again and again.
— Rishi Sunak (@RishiSunak) July 4, 2024
1 hour to stop the Labour supermajority. pic.twitter.com/6zBkXY8Jh6
O líder dos laboristas e favorito nas enquisas, Keir Starmer, fixo un chamamento ó electorado para que aposte polo cambio. "Cambio. Hoxe podes votar por iso", escribiu Starmer en X.
Change.
— Keir Starmer (@Keir_Starmer) July 4, 2024
Today, you can vote for it.
pic.twitter.com/pLOFU5ijTz
O candidato do partido Reform UK, do populista Nigel Farage, pediu "votar co corazón" e "votar hoxe por un verdadeiro cambio. Vota Reform UK" e o Partido Nacional de Escocia (SNP), escribiu "vote ao SNP para lograr a independencia, volver unirse á Unión Europea" e para "protexer a matrícula gratuíta" (universitaria en Escocia).
Os colexios electorais estarán abertos ata as 22:00 hora local. Contra as catro da madrugada podería saberse xa se o Reino Unido apostou pola continuidade ou optou polo cambio despois de 14 anos de hexemonía tory.