O ruído dunha antena de telefonía condiciona a vida e o descanso duha familia de Miño
A torre nunca dera problemas con anterioridade
O ruído procedente dunha torre de telefonía está acabando coa paciencia e a saúde dunha familia de Miño que vive a escasos metros da instalación. É unha especie de zoar que non cesa e que lles impide descansar ou gozar do xardín e da horta. Levan máis dunha semana aturándoo.
"Cada vez que abres unha porta ou unha ventá é seguido. Mesmo nos está cambiando o carácter", explica Carmen Varela, unha das afectadas.
"Méteseche na cabeza e vas pola rúa e parece que segues co ruído dentro", engade Carlos, o seu marido.
A torre nunca dera problemas con anterioridade. Contactaron coa propietaria do terreo no que está instalada e, a través dela, trataron de pedirlle solucións á empresa responsable, pero ninguén atende as súas queixas.
"Eu non puiden falar con ninguén. Só puido a dona do predio, pero nin a nós nin ao Concello nos foi posible"
O ruído está minando os ánimos desta parella coa que tamén convive unha persoa dependente. Queren recuperar canto antes a tranquilidade perdida, o sosego que nunca lles faltou no campo.