Publicador de contidos

Publicador de contidos

Medio cento de familias de Narón quedan sen luz con cada temporal

Medio cento de familias de Narón quedan sen luz con cada temporal

Aseguran que os cortes na subministración eléctrica son habituais porque o transformador é moi antigo

G24.gal 09/02/2025 14:17 Última actualización 09/02/2025 14:58

Cada vez que a Axencia Estatal de Meteoroloxía bautiza unha nova borrasca, na parroquia naronesa de San Xiao sacan dos caixóns as candeas e as lanternas. Xa é un xesto mecánico, unha rutina invernal imposta polos constantes cortes de luz. O último durou tres días.

Na Revolta, a información meteorolóxica recibe unha atención preferente.

"Miramos o tempo e se vén temporal sacamos as candeas", relata Fina, unha das veciñas afectadas.

Fina tira de candeas e o seu veciño Fernando, de lanternas. Atesoura unha ducia delas e gárdaas estratexicamente por toda a casa. Tamén ten máis que amortizado un xerador. Asegura que os cortes de luz e os fallos na subministración eléctrica son de toda a vida e dirixe a mirada cara ao antigo transformador.

"Ese transformador é máis vello ca min, que son vello dabondo. Necesitamos unha solución real non parches", láiase.

Cando fala de parches refírese a un xerador temporal que a compañía distribuidora activou despois de que a última borrasca os deixara sen luz varios días. Hai polo menos medio cento de familias afectadas polos cortes e polos danos ocasionados polas alteracións na corrente.

"Foise a luz e cando volveu, veu a 3,80. Rebentounos todos os electrodomésticos", afirma Fina.

O vello transformador, sentencia na Revolta, necesita remuda imperiosamente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade