A partir deste sábado pode solicitarse praza nas escolas infantís autonómicas
A partir deste sábado pode solicitarse praza nas escolas infantís autonómicas
"Queremos que a Xunta destaque polo coidado das persoas", asegura o presidente da Xunta, Alfonso Rueda
Os pais e nais con nenos menores de 3 anos poderán solicitar praza para unha escola infantil da Xunta a partir do sábado. O presidente en funcións, Alfonso Rueda, lembrou este mércores en Coristanco que no próximo curso terán máis puntos para a baremación as familias en que os dous proxenitores traballen.
En toda Galicia hai 10.500 prazas de titularidade autonómica en escolas coma a de Coristanco, concello de menos de 6.000 habitantes e 40 cativos matriculados. O prazo de solicitudes para o curso que vén nestes centros abre o sábado e pecha o 5 de abril. A novidade desta convocatoria é que terán un punto máis na baremación cada pai e nai que traballen.
Alfonso Rueda compromete o esforzo da Xunta para seguir axudando á conciliación das familias, tamén no rural. "Imos pisar o acelerador para que a Xunta sexa unha administración que destaque polo coidado das persoas", dixo o presidente en funcións.
Galicia manterá o curso que vén a educación infantil gratis, tanto en escolas públicas como privadas, que suman 30.000 prazas. A Xunta dedica a esta medida 60 millóns de euros.