O sector pesqueiro, pendente do debate sobre o gasóleo mariño
O sector pesqueiro, pendente do debate sobre o gasóleo mariño
O 30 de novembro a OMC xúntase en Bruxelas para debater sobre a eliminación de subsidios á pesca, entre eles o do gasóleo
A Comisión Europea tamén debate se impoñer un gravame ao combustible mariño, hoxe libre de impostos
Hoxe o gasóleo mariño está libre de impostos, pero sobre esa condición sobrevoan varias ameazas. A primeira, a da Organización Mundial do Comercio, que quere eliminar os subsidios á pesca e, entre eles, estas vantaxes para o gasóleo mariño.
Ao tempo, a Comisión Europea está debatendo a modificación da fiscalidade enerxética, e aí propón gravar o gasóleo mariño para compensar dalgún xeito o que contamina.
As decisións aínda non están tomadas, pero dende o sector pesqueiro xa advirten que calquera suba no prezo do gasóleo poñería en risco a súa viabilidade económica. No caso dos buques de altura e grande altura, os que máis consomen, o gasto en gasóleo xa supón hoxe un corenta por cento dos custos de produción.
Na cooperativa de armadores de Vigo afirman que subirlle aínda máis o prezo con taxas sería "un gravísimo dano para a frota" porque "caerían moitísimo os ratios de rendibilidade económica", explica o xerente de Arvi, Edelmiro Ulloa.
O Grupo de Economía Pesqueira da USC calculou o impacto que terían no sector os gravames ao gasóleo mariño. Sexa coa proposta da Organización Mundial do Comercio, que duplicaría o prezo do combustible; ben coa da Comisión de subir 14 céntimos o litro, a frota galega entraría en perdas.
"En seis dos nove sectores da frota galega habería perdas estruturais", explica Gonzalo Rodríguez, coordinador do estudo. "O palangre deixaría de ser viable, o arrastre sufriría moito, e no cerco e outras artes de baixura e litoral o beneficio disiparíase", enumera.
A baixura tería outra desvantaxe: non podería aprovisionarse en augas internacionais como os buques de altura. Dende o sector piden que en vez de penalizacións ao gasóleo, se habiliten incentivos para poder substituílo no futuro.