O Sergas abre o sábado a vacinación antigripal masiva a nenos e nenas en hospitais
O Sergas abre o sábado a vacinación antigripal masiva a nenos e nenas en hospitais
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anuncia a medida "pola preocupación que teñen moitos pais e nais polo incremento das enfermidades respiratorias"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) vai ofrecer a posibilidade este sábado de vacinar contra a gripe os nenos e nenas de entre 6 meses e 5 anos nos hospitais.
Na sesión de control ao Goberno, en resposta a unha pregunta do PSdeG, Rueda asegurou que a Xunta abre esta posibilidade ante "a preocupación que teñen moitos pais e nais polo incremento das enfermidades respiratorias" e tras a experiencia piloto que levou cabo a pasada fin de semana no Hospital Clínico de Santiago de Compostela.
Así, este sábado, esa proba piloto que se puxo en marcha para aumentar o cociente de vacinación da gripe nos menores de cinco anos, consistente en utilizar a estratexia posta en marcha contra a covid para administrar de forma masiva a vacina, estenderase aos hospitais de todas as áreas sanitarias.
Segundo informou a Xunta posteriormente, o lugar e o momento da vacinación será comunicado por SMS aos pais ou titores desde este xoves. As citas serán o día 26 de novembro, en horario de 10 a 14:30 horas, e de 15:30 a 20 horas, aínda que no caso da área sanitaria da Coruña e Cee tamén se citará o domingo no mesmo horario.