O Sergas conta con ampliar o uso do certificado Covid na semana do 13 de decembro
O Sergas conta con ampliar o uso do certificado Covid na semana do 13 de decembro
A directora xeral de Saúde Pública considera "determinantes" estes festivos para a evolución da actual vaga
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, asegura nunha entrevista en A Crónica da fin de semana da Radio Galega que a intención da Consellería de Sanidade é ampliar a esixencia do certificado Covid a outros ámbitos a partir da semana do 13 de decembro se previamente conta co aval do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Con ese obxectivo, dixo Durán, a semana que vén remitirán a orde con eses ámbitos novos ao alto tribunal galego.
"A próxima semana o que faremos será emitir o informe epidemiolóxico e tamén a orde que (...) hai que elevar ao Tribunal Superior de Xustiza. Hai que esperar o ditame do Tribunal Superior e se fose favorable contamos con que a semana do 13 ao 19 de decembro puidésemos poñer en marcha estas medidas".
Pico da sexta vaga
A directora xeral de Saúde Pública considera que aínda é cedo para calcular o pico da actual vaga. Cualifica de "determinante" o que aconteza nestes días festivos para saber cal pode ser o escenario.
Avisa que, se segue aumentado o número de contaxios durante a ponte por non se cumpriren as medidas de prevención, "imos ter unha situación moito máis complexa".
Vacinación de menores de 12 anos
Carmen Durán afirma que a planificación da vacinación dos menores de entre 5 e 11 anos se definirá a partir do martes. Conta con que ese día o Ministerio lle confirme ás comunidades, no seo da Comisión Nacional de Saúde Pública, cantas doses lles chegarán a cada autonomía.
Campaña da gripe
A directora xeral de Saúde Pública aproveitou a entrevista para facer un chamamento á poboación a que tamén se vacine contra a gripe.
Di que ata esta semana se inmunizaran 644.000 galegos e lembra que dende o 29 de novembro calquera pode solicitar a súa dose nos seus centros de saúde.
Durán confirma que, fronte ao acontecido o ano pasado por estas datas, xa se detectaron casos de gripe na nosa comunidade.