Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Servizo de Busca e Salvamento do Exército escolle as rías galegas para o simulacro dun accidente aéreo

O Servizo de Busca e Salvamento do Exército escolle as rías galegas para o simulacro dun accidente aéreo

O SAR depende do Exército do Aire e o Espazo e ten unha frota preparada para localizar vítimas desde o ceo, rescatalas e facilitarlles atención médica

G24.gal 09/04/2025 14:35

Tras un accidente aéreo ou marítimo, conseguen localizar as vítimas desde o ceo e están preparados para tratar de rescatalas con vida. Son os efectivos do SAR, do Servizo de Busca e Salvamento Aéreo, do Exército do Aire e do Espazo, que desenvolveron na ría de Muros e Noia o seu principal exercicio de adestramento anual.

A misión comeza co cantos dos paxaros no aeródromo militar de Santiago. Tripulacións preparadas: en total, cinco helicópteros e un avión.

"Este avión é un Delta 4. Ten cámaras electro-ópticas, infravermellos, e tamén pode usar o radar para facer a busca de náufragos no mar ou de sobreviventes dun accidente aéreo en terra. E despois, ten unha terceira capacidade, que é a de lanzamento de balsas", explica Fernando Pazos, tenente coronel, 2º xefe do SAR e coordinador desta operación.

Desde a propia nave fan o seguimento de todo o dispositivo. 

"Está voando nun nivel superior aos helicópteros, e entón fai de coordinación deses medios. Vailles asignando zonas de busca. E a vantaxe que ten o Delta 4 sobre o helicóptero é que ten máis alcance e máis velocidade, e iso, nunha situación de emerxencia en que hai que salvar vidas de náufragos ou dun accidente aéreo, é moi importante", detalla Fernando Pazos.

Son, pois, os tripulantes do Delta 4 os primeiros e saír cara á zona desde onde se recibe o aviso. O simulacro propón unha colisión no aire, sobre a ría, de dúas aeronaves con dous tripulantes cada unha.

"Entón usamos dummies e uns flotadores xigantes que simulan ser restos da aeronave. O exercicio consiste en localizalos, rescatalos e transportalos á base aérea de Santiago", engade o tenente coronel Fernando Pazos.

Na acción, fundamental para adestrar rescates en accidentes aéreos, pero tamén en naufraxios mar adentro, participaron un NH-90 de Madrid e o Súper Puma de Canarias, os dos SAR de Italia e Portugal e a Garda Civil. Todo vixiado por primeira vez por un dron a 6 quilómetros de altitude (e que manexan en remoto desde Badaxoz).

O dispositivo contou coa participación de Salvamento, e de persoal do Sergas. Todos baixo o mesmo mando, desde a base do aeródromo militar da Lavacolla e en comunicación co Centro Coordinador de Salvamento Aeronáutico (ARCC) pertencente ao SAR e localizado en Torrexón. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade