O sindicato CSIF convocará folga de funcionarios se o concerto de Muface volve quedar deserto
O sindicato CSIF convocará folga de funcionarios se o concerto de Muface volve quedar deserto
O prazo para que as aseguradoras presenten ofertas expira o 27 de xaneiro
O sindicato CSIF dá un ultimato: se non se resolve xa o concerto con Muface, chamará os funcionarios á folga en febreiro.
"Afectaría ao ámbito docente, á administración xeral do Estado e a Correos" explica o presidente nacional, Miguel Borra. Sería un paro de 24 horas, para "esixirlle ao Goberno que garanta a viabilidade do sistema e da atención sanitaria", di.
Queren o acordo resolto para o 27 de xaneiro, cando expira o prazo para que as aseguradoras presenten ofertas. É a segunda licitación, logo de que a primeira quedara deserta en novembro.
O ministro de Función Pública, Óscar López, defende as melloras que contén. Di que o Goberno fixo "un esforzo sen precedentes", cunha suba do 33 % respecto da primeira licitación "o que supón mil millóns de euros" adicionais. "Agora o que espero é responsabilidade das partes, e dende logo por parte das aseguradoras", conclúe López.
Pero Adeslas e DKV reclamaban máis, e só Asisa anunciou que estudaría as condicións. Malia que o servizo está prorrogado polo menos ata marzo por lei, os mutualistas denuncian que xa falla.
"Estamos tramitando centos de queixas, por non dar citas, por atrasos nas citas, por pospoñer operacións...", explica o presidente de CSIF Galicia, José Francisco Méndez.
A voceira en Galicia do movemento Muface SI, Chus Garrido, explica que hai intranquilidade. "Xente maior, xente con problemas crónicos, graves, que non saben que vai pasar, e teñen medo", di.
Sindicatos e organizacións de afectados concentráronse en distintas cidades do Estado para pedir solucións. Hai máis dun millón e medio de mutualistas pendentes desa renovación do convenio con Muface ata 2027.