Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo do Brasil confirma a suspensión da rede social X por desacatos á Xustiza

O Supremo do Brasil confirma a suspensión da rede social X por desacatos á Xustiza

A rede social estará suspendida no país ata que esta cumpra con todas as ordes xudiciais e pague todas as multas

O instrutor do caso di que os incumprimentos son "reiterados, conscientes e voluntarios" e que crean un ambiente de "total impunidade" para "grupos extremistas"

Ilustración do perfil de Elon Musk en X bloqueado (Reuters/Jorge Silva) Ilustración do perfil de Elon Musk en X bloqueado (Reuters/Jorge Silva)
G24.gal 02/09/2024 17:58

A primeira sala da Corte Suprema do Brasil ratificou este luns por unanimidade a decisión cautelar que suspendeu os servizos da rede social X no país, debido a reiterados desacatos do magnate Elon Musk a diversas sentenzas dese tribunal.

Os cinco maxistrados que compoñen a sala pronunciáronse de forma virtual a favor da suspensión de X, que entrou en vigor gradualmente desde a madrugada do pasado sábado e  se manterá ata que a rede social cumpra "todas" as decisións da corte, que "valen para todas as empresas que operan no Brasil", segundo a sentenza.

O primeiro voto foi do instrutor do caso, Alexandre de Moraes, a quen Musk cualifica de "ditador" e insulta desde hai meses na propia X, desde que ordenou suspender decenas de perfís nesa plataforma, no marco dun proceso sobre unha masiva difusión de noticias falsas e ataques á democracia e as súas institucións.

Ningunha desas ordes foi cumprida e Musk chegou a retirar do país os seus representantes legais, sobre os que asegurou que estaban baixo ameaza de ser encarcerados por De Moraes.

Desacatos "conscientes" a favor de "grupos extremistas"

No seu voto, apoiado polos outros catro membros da sala, De Moraes citou os "reiterados, conscientes e voluntarios incumprimentos de ordes xudiciais e pago de multas" impostas polo tribunal á empresa de Musk e calculadas en total nuns catro millóns de dólares.

Segundo o maxistrado, estes incumprimentos teñen a intención de "instituír un ambiente de total impunidade e unha terra sen lei" e facilitar "a actuación de grupos extremistas e milicias dixitais nas redes sociais", mediante unha "masiva divulgación de discursos nazis, racistas, fascistas, de odio e antidemocráticos".

Dous dos membros da primeira sala do Supremo xa foron ministros de Xustiza en distintos Gobernos: o propio De Moraes, durante a xestión do liberal Michel Temer (2016-2018), e Flávio Dino, co actual mandatario progresista Luiz Inácio Lula da Silva, o cal descarta para moitos analistas políticos o suposto carácter "ideolóxico" que a ultradereita lle achaca á decisión.

Starlink e as eleccións municipais, outras frontes de conflito

Á medida cautelar ditada contra X, sumouse outra fronte de conflito xudicial con Starlink, tamén propiedade de Musk, que se negou a acatar a suspensión da rede social en Brasil.

As contas de Starlink, que ofrece servizos de Internet por satélite e ten unhas 215.000 liñas activas no Brasil, foron bloqueadas polo maxistrado a fin de garantir o pago das multas impostas a X, que ten uns 20 millóns de usuarios no país.

Aínda así, a empresa de Internet anunciou este domingo que non cumprirá a decisión contra X ata que non sexa levantado o bloqueo das súas contas.

As sancións contra as empresas do magnate foron adoptadas no medio da campaña para as eleccións municipais de outubro próximo, o cal axitou a polarización entre a extrema dereita, que lidera o expresidente Jair Bolsonaro, con vínculos con Musk, e o progresismo, que encarna o Goberno de Luíz Inácio Lula da Silva.

Bolsonaro condenou o que tacha de "persecución ideolóxica" contra os "conservadores", mentres que Lula declarou que toda empresa estranxeira que opera no Brasil debe "respectar" a xustiza do país.

A decisión adoptada este luns polo Supremo enmárcase na intención das autoridades xudiciais de impedir que a campaña para as eleccións municipais sexa asolagada de noticias falsas, como ocorreu nas presidenciais de 2018, nas que Lula derrotou a Bolsonaro, quen aspiraba á reelección.

Nese proceso electoral, foron desactivados por orde xudicial centos de perfís en diversas plataformas, en moitos casos pola difusión masiva de ataques contra as institucións democráticas, atribuídos na súa gran maioría á extrema dereita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade