Publicador de contidos
Publicador de contidos

O TC rexeita por unanimidade a petición do PSOE de revisar os votos nulos de Madrid

O TC rexeita por unanimidade a petición do PSOE de revisar os votos nulos de Madrid

A Sala Segunda do Tribunal de Garantías seguiu o criterio da Fiscalía ao desestimar o recurso, unha petición dos socialistas que ansiaban poder recuperar un escano perdido a favor do PP

G24.gal 12/09/2023 10:42 Última actualización 12/09/2023 11:13

O Tribunal Constitucional rexeitou por unanimidade o recurso do PSOE contra a sentenza do Supremo que desestimou revisar máis de 30.000 votos nulos contabilizados en Madrid nas eleccións xerais do pasado 23 de xullo, que eran claves para facilitar a investidura de Pedro Sánchez.

A Sala Segunda do tribunal de garantías seguiu o criterio da Fiscalía ao desestimar o recurso, unha petición dos socialistas que ansiaban poder recuperar un escano perdido a favor do PP.

Os maxistrados, reunidos de urxencia debido a que o prazo para resolver o recurso vencía este martes, apoiaron así o relatorio da maxistrada Laura Díez que sostiña en liñas xerais que non existe un dereito incondicionado para permitir un novo reconto de votos cando non hai indicios de irregularidade.

Desde que culminou o escrutinio xeral co voto exterior, que confirmou un escano máis para o PP (137), o PSOE esgotou todas as vías para solicitar ese reconto coa esperanza de poder recuperar ese escano perdido, co que só fora necesario a abstención de Junts para unha eventual investidura de Pedro Sánchez. Agora o presidente en funcións deberá buscar o si.

O tribunal segue desta forma a liña do Ministerio Fiscal, que emendara a súa posición dado que no procedemento ante o Tribunal Supremo apoiou o recurso do PSOE "ante o axustado do resultado electoral" e para "despexar calquera asomo de dúbida razoable sobre a vontade verdadeira e exacta" dos cidadáns.

Pero agora, opúxose á petición dos socialistas ao entender que os argumentos expostos na sentenza do Supremo, que avalou a Xunta Electoral Central, "axústanse á doutrina que emana da xurisprudencia constitucional".

O Supremo considerou que non se daban os requisitos esixidos na doutrina nin se achegaron datos que verifiquen a relevancia do reconto no resultado final. "A mera diferenza numérica nos resultados que se aduce neste caso (1.200 votos) non é base suficiente para a revisión", sentenciou o Supremo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade