Publicador de contidos

Publicador de contidos

O temporal amaina e deixa 1.500 incidencias, como o descarrilamento dun tren en Silleda

O temporal amaina e deixa 1.500 incidencias, como o descarrilamento dun tren en Silleda

G24.gal 18/01/2023 21:37 Última actualización 18/01/2023 22:16

Desde que comezou a alerta polo temporal de frío, neve, vento, chuvia e ondada, xa son máis de 1.500 as incidencias rexistradas en Galicia.

O máis significativo deste mércores foi o descarrilamento dun tren en Silleda a causa dun desprendemento de terra causado polas intensas chuvias dos últimos días. 

Descarrilamento dun tren en Silleda

Por sorte non houbo que lamentar feridos, con ser a incidencia máis salientable das 135 que rexistrou a central de emerxencias do 112 durante a tarde deste mércores.

A maioría delas tiveron como protagonista a neve nas estradas.   

O tren realizaba o traxecto entre Ourense e Santiago, e o descarrilamento tivo lugar sobre as seis da tarde á altura de Silleda, entre a canteira de Campomarzo e Ponte Taboada. No convoi afectado viaxaban dezaseis pasaxeiros e o interventor, que recibiu un golpe na cabeza. Finalmente non tivo que ser atendido polos servizos sanitarios.

O tráfico ferroviario entre Ourense e Santiago permanece interrompido por mor deste suceso, e Adif informou de que xa estableceu un plan de transporte alternativo por estrada.

Incidencias deste mércores

O temporal xerou incidencias ao longo de todo o mércores, un total de 285 rexistradas, segundo os datos da central do 112. A maioría delas por problemas nas estradas asociados coa presenza de neve. 

O vento foi outro dos protagonistas con 72 incidentes causados por pólas e árbores caídas. Tamén se produciron desprendementos de terras, fochancas, derrubas ou inundacións.

Lugo e A Coruña foron as provincias máis afectadas con 83 e 82 incidencias, mentres que en Pontevedra houbo 63, e unhas 57 en Ourense.

Problemas coa circulación nas estradas de montaña galegas Problemas coa circulación nas estradas de montaña galegas

Problemas de circulación pola neve

As zonas de montaña de Lugo e Ourense recibiron o impacto das nevaradas, pero sen accidentes de gravidade. Deixaron uns 7.000 escolares sen clase por mor da suspensión do transporte escolar, que volve retomarse este xoves.

Outro dos puntos conflitivos da xornada estivo na AP-9 ao seu paso por Fene (A Coruña), onde o pedrazo a primeira hora da mañá provocou tres accidentes, con catro persoas feridas e unha ducia de vehículos implicados.

A pesar de que non chove coa intensidade de días anteriores, seguimos pendentes dos nosos ríos en Ourense, Begonte, O Barco de Valdeorras. Cidades, vilas e pequenos núcleos seguen afectados polos asolagamentos, e onde xa non queda auga, aínda non se puido comezar cos labores de limpeza. Tamén quedan estradas secundarias cortadas pola auga 

Mantense a alerta por risco de desbordamento en varios leitos fluviais, dentro do plan especial de inundacións de Galicia, segundo informou a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior. 

En Lugo, as chuvias cesaron durante a tarde ou caeron de xeito feble, pero o leito do río Miño non acaba de baixar e numerosas vivendas do barrio da ponte seguen anegadas e sen que os donos poidan entrar nelas.

Na Terra Chá e Valdeorras tamén están a baixar os ríos moi pouco a pouco e algunhas pistas rurais non se poden abrir aínda ao tráfico polo risco que supón a auga no firme e por se se producisen desprendementos de terras.

Os equipos de emerxencias tiveron menos traballo, pero o peor podería estar aínda por vir por causa das nevaradas que caeron por case todas as comarcas de Lugo e Ourense, pois cando esa neve derreta os leitos poden volver rebordar.

Por exemplo, a neve caída na serra do Xistral vai acabar nos ríos da Terra Chá. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade