O temporal leva por diante o muro do espigón do porto de Aguete (Marín)
O temporal leva por diante o muro do espigón do porto de Aguete (Marín)
O lugar quedou precintado ata que sexa reparado
A provincia de Pontevedra foi a que máis notou os efectos da borrasca, que deixou 163 incidencias das case 400 que se rexistraron en Galicia
Todo o litoral, agás A Mariña, permanece en aviso amarelo por ondas este venres
A previsión vai mellorando e os avisos este venres xa non son tan severos. Con todo a pegada desta última borrasca aínda é visible en lugares como o porto de Aguete, en Marín.
A borrasca Nelson levou por diante o muro do espigón. Por sorte foi de noite e non había ninguén pola zona, e o lugar quedou precintado ata que poida repararse. Parece que xa pasou o peor e a situación vai mellorando, pero, con todo, tanto a costa de Pontevedra como a da Coruña seguirán en aviso amarelo por ondas ata as doce da noite.
O temporal bateu forte aquí, pero algúns non contaban con tanto dano. Pero para os que pasaron por aquí no mais cru da borrasca, non foi tanta sorpresa. Xuntouse o temporal coa preamar da noite, e non houbo abrigo posible.
"Tivemos refachos de 57 nós, que son máis de 120 km/h" explica Gonzalo Carbó, o presidente do club Náutico. "Era tal a forza do vento e das ondas que moitas veces quedamos sen luz", engade.
Lara Penabad traballou aquela tarde no Naútico, e di que xa se podía prever o que pasou: "xa se vía que algo ía romper porque entraba o mar e mollaba todo o aparcamento, foi unha loucura".
Pero tamén din que o espigón tiña falta de mantemento e que xa fora dando avisos.
"Hai un bloque que leva moito tempo sen amañar", explica Carbó. "Levántase e vai facendo cuña contra a parede -engade-, xa fixera unha fenda e viamos que antes ou despois ía romper por aí".
A provincia de Pontevedra foi a que máis notou os efectos da borrasca, que deixou 163 incidencias das case 400 que se rexistraron en Galicia.