Publicador de contidos
Publicador de contidos

O traballo de vixiar as variantes do coronavirus

O traballo de vixiar as variantes do coronavirus

O xenoma do virus desvela información esencial para o control da pandemia

Nos laboratorios do CINBIO de Vigo reciben mensualmente mostras de catro áreas sanitarias
Mónica Vidal 25/02/2022 12:28

Aínda que remiten as incidencias, a rede de vixilancia segue alerta á posible entrada de novas variantes. Para evitar que unha posible mutación bote a perder parte do logrado é fundamental detectar a tempo as mutacións: saber como, cando e por que muda o virus.

Nun dos laboratorios do CINBIO de Vigo reciben mensualmente mostras de catro áreas sanitarias de Galicia (Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol) e traballan para descubrir a intrahistoria da pandemia: a información oculta nas máis de 30.000 letras do xenoma.

"O virus non fala, así que temos que ler nós o seu xenoma"

Alí, unhas máquinas con aspecto de fotocopiadoras fan copias pero de fragmentos de ARN: son as máquinas das PCR, onde se desvelan os positivos da COVID–19. Traballan tamén na secuenciación para lograr a información máis esencial. 

"É o que se chama a epidemioloxía xenómica. En vez de preguntarlle á xente por teléfono con quen estiveches preguntámoslle ao virus, e o virus non fala, así que, temos que ler nós o seu xenoma", explica David Posada, catedrático de Xenética da Universidade de Vigo e investigador do CINBIO.

"Estudamos os virus e podemos comprender as rutas de infección"

O que para a maioría da poboación é un xeroglífico, resulta relativamente sinxelo para estes científicos afeitos a traballar co xenoma humano, que ten 100.000 veces máis información. Así que, cruzando datos descobren que o virus desvela de xeito anónimo viaxes, dinámicas de grupo e ata contactos persoais.

"Iso tamén o podes facer cos datos clínicos, pero os datos clínicos son só das persoas infectadas. Deste xeito, nós estudamos os virus e podemos comprender as rutas de infección". 

"Unha variante pode aparecer en moitos sitios, é unha cuestión de azar"

Desintricar esa información, que é poder, permitiría restrinxir as medidas a determinadas zonas, barrios, edificios. O virus non muta tan rápido para observar diferenzas xenómicas en contactos directos, pero si en gromos grupais. Tamén se sabe que as mutacións máis relevantes adoitan producirse en pacientes co sistema inmune débil que tardan en superar a enfermidade.

"Unha variante pode aparecer en moitos sitios, é unha cuestión de azar. Por suposto, onde hai máis virus por azar hai máis billetes de lotería, pero moitas veces detéctase porque hai un bo sistema de vixilancia", explica David Posada.

Galicia detectou, por exemplo, a circulación dos primeiros casos de delta en España e tamén os primeiros da ómicron BA.2.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos